Silvio Santiago

O achado da breve correspondencia mantida polo autor de “Vilardebos” e “O silencio redimido”, con figuras senlleiras do anarcosindicalismo como Angel Pestaña e Federica Montseny, animoume a escribir unhas letras sobre esta fasquía pouco coñecida do escritor de Vilardebos.

Silvio viveu na Coruña entre 1927 e 1937, tempo en que xa comezara a facer as súas primeiras colaboracións literarias no xornal vigués “El Pueblo Gallego”. E co abrente da República, afiliouse ao cenetista “Sindicato de dependientes de comercio”, onde en certos momentos asumiu cargos directivos e mesmo interviu como representante nalgún mitin. No libro “O silencio redimido” fala do seu papel secundario, aliñado coa corrente moderada do sindicatooposta ao concepto revolucionario do anarquismo practicado pola FAI, e lembra con agarimo a súa amizade con José Villaverde. Pola mediación deste, comezou a correspondencia cruzada con Pestaña que daría como resultado en 1934 a integración no Partido Sindicalista.

Neste período, dentro da súa modestia, é perceptíbel un certo activismo. Así, en xuño do ano devandito, asina como fundador os Estatutos do novo partido na Coruña e , no segundo semestre, colabora activamente nos dous primeiros periódicos do PS: “Sindicalismo” de Barcelona e “Trabajo”, voceiro quincenal da agrupación herculina. E ata os días da Guerra civil, Silvio, conceptuado polos camaradas como “culto, entusiasta, con buenas orientaciones y mejores iniciativas”, seguiu en tratos con militantes moderados da CNT, en especial co dirixente da Federación Local e xerente da “Tipografía Obrera”,  o empregado da fábrica de gaseosas “la Unión” , José Prego.

Detido nas cadeas de Ourense e Coruña. Silvio zafouse por nada de “ir por claudias”; unha vez a salvo na Habana continuou, por medio de Federica Montseny, a relación epistolar con Prego. Este, refuxiado primeiro en Asturias e logo en Barcelona, dirixiu ata o seu exilio definitivo en Mexico a revista libertaria “Umbral”

“Nunca reneguei da CNT, inda que non concordase cos seus directivos”, deixou escrito Silvio Santiago. E abofé que o demostrou cando voltou millonario e galeguista de Venezuela, ala pola década dos 60. Naqueles días. o seu rechamante “Mercedes” serviu de orixinal tapadeira a máis de unha xuntanza clandestina dos ácratas coruñeses, teimudos nos seus soños de resurrección confederal …..

Transcrición do libro “Sindicalistas e rebeldes” de Dionisio Pereira