Reflexións

Hai hoxe 71 anos mataron a un home nunha cuneta

Hai hoxe 71 anos mataron a un home nunha cuneta. Sabemos o cómo, o cando e o onde. Non é, xa que logo, un desaparecido. Non nos importa quen o fixo. Foi unha vítima dun tempo, a man culpable é o de menos. O único que descoñecemos, que non acabamos de entender, é o porqué.

Aínda hoxe, un xuíz intenta descubrir qué foi o que sucedeu naqueles anos bárbaros. Por qué un país enteiro entoleceu de rabia e pagou os seus medos e frustracións con xente boa. Por qué uns sacaron vidas ata que o vento cheirou a matadoiro; por qué outros sacaron os ollos para non ver o que sucedía. Quere saber quen morreu; saber quen mataba. Sen facer distincións, sen preguntarse os motivos. Á marxe de sentimentalismos. Só a verdade dos feitos. 

Hai outra xente que di que é mellor non reabrir as feridas. Que o que pasou, pasou. Que hai xa moitos anos diso. Todo aquilo está superado. É mellor para todos esquecer. Nos dous bandos sucedeu o mesmo. Hai que deixar descansar aos mortos e mirar cara ao futuro. Xa a ninguén lle importa, nin aos que vivían daquela. 

Hai 71 anos mataron a un home nunha cuneta. E eu pregunto, tanto a xuíces como a curandeiros: Quen vai curar a infancia perdida dos seus cinco fillos? Que xustiza hai para unha muller que perdeu ao seu home? Como se pode paliar a dor dunha familia rota? Que testemuña queda dun home condenado ao esquecemento? Con qué fíos se suturan as ilusións perdidas e as esperanzas quebradas? Que sentenza redime do terror, dos asaltos nocturnos, das vexacións, do castigo social, da marca ‘roxa’? Que tratamento existe para sandar o medo acumulado durante decenios? Qué xurado decide cándo se deixa de sufrir por un pai morto? En qué vademecum se explica o que se sinte cando che rompen o corazón? Qué lexislación serve para explicar a enaxenación mental dun país completo? Qué escáner devolve a memoria que foi roubada? 

E, finalmente, pregunto aos que aínda non entenden qué é o que senten as familias dos que morreron, nin qué é o que reclamamos: 

Quen lle vai devolver a vida a Marcial Villamor Varela?

 Marcial. ( Bizneto )