|

 










|
|
VER ESTA
PAGINA EN

O 28 de setembro de 1937 foi asasinado
Marcial Villamor Varela. Un delicto que xamais se investigou, ocultado desde o
momento mesmo en que foi descuberto, camuflado baixo o dictame de morte por
derrame cerebral. Unha falacia que a súa familia se viu obrigada a aceptar para
evitar novas represalias, e que formaba parte da estratexia do novo réxime
dictatorial, empeñado en negar de facto a existencia e os feitos, tanto da súa
vida como da súa morte, de milleiros de persoas.
Marcial Villamor naceu en Vilouriz (Toques) no 1899, aínda que se trasladará moi
novo a Santiago de Compostela, onde residirá e desenvolverá o seu traballo de
ebanista e a súa acción sindical. Foi, claramente, un fillo do seu tempo, e
irmán da ata entón mellor xeración de españois, á cal o atrevemento de soñar coa
liberdade custoulle a grande dor de lle ser imposto o xugo pola forza.
Sendo mozo marchou de quinto destinado a África, onde a chegada ás súas mans dun
panfleto en contra da presencia militar española na colonia desatará o seu
desexo de coñecemento e aprendizaxe. Avergoñado pola súa condición de case
analfabeto, desde ese momento convértese nun fervoroso autodidacta, asiduo das
librerías compostelás, ata completar unha das mellores bibliotecas privadas da
cidade, a cal alcanzou fama mesmo entre a intelectualidade e a burguesía local.
A súa paixón pola lectura valeulle a oportunidade de coñecer a Ortega y Gasset.
Nunha visita deste a Compostela, Arturo Cuadrado Moure, propietario da librería
Niké –na cal os clientes pagaban o prezo que consideraban valían os libros- e
membro da comisión que presentou o Estatuto de Autonomía do 36 nas Cortes,
relatoulle ao filósofo que un dos seus clientes, “o célebre anarquista Marcial
Villamor, pagou dez céntimos por un libro seu [...] e pasou ao día seguinte a
pagar outros dez porque lle entusiasmara. Cando llo contei a Ortega, quixo
coñecelo, e o gran intelectual foi a casa do carpinteiro, que sería paseado no
36”.
A posibilidade da realización persoal a través da cultura e do estudio será unha
das súas crenzas máis fondas e un dos principios da súa acción pública. Así, foi
un dos promotores e membro destacado do Ateneo Libertario compostelán, que
chegou a ter o seu enderezo a efectos de notificación no seu domicilio
particular, no número 18 da rúa do Olvido.
Xa con anterioridade á proclamación da República, Marcial Villamor é membro da
Confederación Regional Galaica da CNT, representando ao “Sindicato de
Carpinteros y similares” de Santiago no pleno rexional celebrado na Coruña en
1930. A CRG, caracterizada pola súa liña moderada, colaborou nos últimos meses
de 1930 e primeiros de 1931 coas forzas republicanas na campaña electoral
municipal que rematou coa instauración da República o 14 de abril.
A radicalización progresiva do sindicato, debida ao aumento do peso na dirección
de elementos provenientes da FAI, provoca que Villamor Varela, encadrado na ala
moderada dos chamados “trentistas” -aínda que milita tamén na FAI no primeiro
bienio da II República- se vaia afastando progresivamente dos postulados da CNT,
se ben continúa na loita obreira. Este distanciamento é significativo a partires
de 1933, ano en que dimite a directiva encabezada polo seu amigo José
Villaverde, e no que fracasa o intento insurreccional de folga xeral convocada
en decembro tras a victoria electoral da dereita.
En febreiro de 1934 prodúcense dous feitos contrapostos e que ao mesmo tempo
evidencian ese distanciamento. Ao tempo que participa como delegado da CRG no
“Pleno nacional de regionales” da CNT, visita a Ángel Pestaña, fundador do
Partido Sindicalista, e persoa proclive á participación electoral e á
colaboración cos partidos de esquerdas. Así, no verán dese ano, artéllase ao
redor de Villamor a representación santiaguesa do P.S., a máis nutrida do
partido en Galicia, e a cal integra a moitos cadros sindicais composteláns
–especialmente a partires dos sucesos de outubro-, descontentos coa actitude do
sindicato anarquista.
O día 10 de outubro é detido, nas primeiras horas da madrugada, cando tiña no
seu poder follas de propaganda a favor da amnistía aos presos políticos de
esquerda, e nas que se criticaba a liberación dos xenerais golpistas que se
alzaran en armas contra a República. Foi procesado por un tribunal militar polo
delicto de “excitación á rebelión militar en grado de tentativa”, e condenado a
seis meses de prisión que cumpre íntegros.
No informe que o Xulgado militar solicita á Dirección General de Seguridad, o
Comisario compostelán informa que Villamor é considerado na cidade “como uno de
los principales dirigentes de las masas obreras; fue el fundador del Ateneo
Libertario, que en la actualidad funciona clandestinamente, y en todos los
movimientos societarios que se declararon en esta ciudad ha tomado siempre parte
activa [...]”. A respecto da súa posible participación nos feitos
revolucionarios do outono do 34, continúa afirmando que “aún cuando no existe
una prueba fehaciente de su participación, es de suponer que es uno de los
cabecillas del mismo, toda vez que anteriormente a esos días se destacó siempre
como efectivo directivo, y entre los obreros de esta localidad está considerado
como uno de los líderes organizadores de las masa obreras”.
Á marxe da consideración que como proba de cargo mereza a cada un o referido
escrito, si se fai patente que á altura de 1934 Marcial Villamor Varela era unha
persoa destacada no obreirismo compostelán, cunha proxección pública que o
significaba especialmente e que a posteriori determinou o seu tráxico final.
No período que pasa na cadea comeza a colaborar co semanario esquerdista de
amplo espectro ‘SER’, da man dos seus amigos Suárez Picallo e Arturo Cuadrado.
Unha vez rematada a súa condena, a finais de 1935, participa na preparación da
convocatoria electoral de 1936. A estas eleccións o Partido Sindicalista
concorre integrado na Fronte Popular. No mes de Xullo participa nun mitin a prol
do Estatuto de Autonomía, celebrado en Pontevedra.
Tras o pronunciamento militar do 17 de xullo de 1936, convertido en alzamento o
18, Marcial Villamor Varela é chamado a formar parte do Comité de Defensa que
enfrontou o golpe na cidade. Outro exemplo máis do seu ascendente no movemento
obreiro compostelán, e outro motivo máis para aqueles que decidiron o seu
axustizamento.
En asembleas na Praza do Obradoiro e nas reunións do Comité de Defensa discútese
a estratexia a seguir ante o alzamento e confróntanse as distintas posturas
ideolóxicas. Segundo o historiador Luis Lamela, unicamente a intervención de
Villamor, de Fernando Barcia (socialista, presidente do Comité) e de Germán
Fernández, impediu o asalto á casa do empresario Olimpio Pérez (dábase a
circunstancia de que, precisamente, o sogro de Marcial Villamor era chófer da
familia Pérez), e a queima de varias igrexas locais.
A este respecto, e como se recolle de testemuñas de consellos de guerra e a
través da transmisión oral, parece probado que Villamor impediu tamén que a
Catedral compostelá resultase danada. Segundo foi referido por, entre outros, o
xa falecido militante cenetista e empresario local Manuel Ceruelo, Villamor era
coñecedor das intencións dalgúns sectores exaltados da militancia de esquerdas
de dinamitar a Catedral. Así, na noite do 18 ou 19 de xullo, formou unha
patrulla de protección –na que participou, precisamente, Ceruelo-, que se
enfrontou a golpes contra aqueles que pretendían danar o monumento.
Evidentemente, os defensores venceron e o edificio saíu indemne do risco certo
de destrucción ao que estivo exposto, e que si afectou a outros templos de
España durante a Guerra Civil.
Santiago permaneceu leal á República ata o día 20 de xullo, en que un grupo de
voluntarios apoiados por mineiros de Lousame diríxense á Coruña a defender o
Goberno Civil dos militares sublevados.
Aproveitando a ausencia de oposición, o comandante militar da praza e do
destacamento de artillería, José Bermudez de Castro, faise co control da cidade.
Ás 12 da noite as tropas tomaban os centros estratéxicos e as rúas compostelás.
O alcalde Casal é obrigado a ceder o mando a Bermúdez de Castro. Segundo
Fernández del Riego, no momento da rendición prometérase respectar as vidas das
persoas, promesa que, como nos di a historia, non foi cumprida.
Esa mesma noite unha forza armada de falanxistas asalta a casa de Marcial
Villamor, e este vese obrigado a fuxir, saltando as tapias das hortas que
constitúen a traseira da mazá e que hoxe en día forman parte do Parque de
Belvís. Logra fuxir entre os disparos dos sublevados e refúxiase na veciña rúa
do Pexego, na casa dun seu amigo e compañeiro obreirista, durante varios días.
Nese tempo, os asaltos e rexistros á casa foron continuos, ao igual que os
padecementos da súa familia. As visitas a calquera hora do día ou da noite, a
destrucción de mobiliario, o saqueo da súa prezada biblioteca –totalmente
devastada e desmantelada, repartida entre os asaltantes e parcialmente queimada
na mesma rúa, ata o punto de que nin un só libro ficou en propiedade da familia
-, a inquedanza da familia por non saber en qué estado se atopaba Marcial, os
insultos, vexacións, agresións, e mesmo o secuestro do sogro de Marcial, Martín
Castiñeiras, a quen só a intervención do seu patrón Olimpio Pérez salvoulle a
vida, foron algún dos sufrimentos deses días. A familia de Marcial, residente na
casa familiar do Olvido 18, estaba composta polo seu sogro, a súa muller e cinco
fillos, a maior de 12 anos e o máis novo de apenas uns meses.
Marcial logra fuxir dos seus persecutores e, logo dunha triste despedida na que
se limita a cruzar a mirada coa súa familia en San Lázaro, sen dirixirse a
palabra, ocúltase na casa dos seus curmáns na súa aldea natal. Alí pasa varios
meses nos que o cerco se estreita e os rexistros se suceden de novo. Como tantos
outros fuxidos naquela época, logra permanecer oculto gracias case en exclusiva
á fortuna e ao esforzo dos que o acolleron, sendo protagonista de diversas
peripecias que, de non ser polas circunstancias daquel tempo, resultarían
incribles ao tempo que dramáticas.
A presión faille comprender que corre risco de novo, tanto el coma quen o
protexen, e decide continuar a súa fuxida cara ao territorio seguro máis
próximo, isto é, Asturias, aínda leal á República. Así, en setembro de 1937, con
documentación prestada, deixa o seu agocho. É detido no camiño, en Baralla. Nun
principio é liberado ao funcionar a súa coartada. Sen embargo, ao saír do centro
de detención, coincide na porta cun sublevado que procedía de Santiago e que o
recoñece no acto.
Foi detido inmediatamente, e ordenado o seu traslado á capital galega. Durante a
viaxe, no municipio de Guntín, é asasinado dun disparo na cabeza ( Morte por
franquismo ).
A súa morte foi unha máis das moitas que provocou a represión sistemática
exercida por parte dos alzados sobre quen durante o quinquenio republicano
exerceron a súa militancia social e política no bando contrario; represión que
sumiu a España nunha involución de décadas respecto a Europa. Precisamente,
porque as víctimas formaban parte da xeración ata o de entón máis brillante,
máis preparada, e o que é principal, máis comprometida co futuro do país.
Villamor foi un dos primeiros obxectivos dos fascistas santiagueses pola súa
destacada militancia obreira e pola súa acción sindical, que lle gañara o odio
daqueles que se opoñían á mellora nas condicións de vida dos traballadores. As
súas reivindicacións incluían cuestións que hoxe nos parecen perfectamente
asumidas, como a reducción horaria das xornadas abusivas, a dignificación das
condicións laborais, o descanso semanal ou o acceso dos traballadores á cultura
mediante a súa difusión e o fomento da educación.
O seu natural amable e tranquilo e a súa bondade o levaban a rexeitar a
violencia que afectaba a boa parte da sociedade galega e española da época.
Sempre fiel ás súas ideas, a súa moderación enfrontouno en ocasións aos seus
compañeiros de militancia, sen que, porén, lle fora útil para evitar o odio dos
que o asasinaron. A súa formación cultural levouno a un coñecemento social e
técnico que non era o propio da súa extracción humilde. Así, era coñecedor de
moitos dos avances técnicos de entón e incluso de algúns de agora, dos que
gustaba de falar, e sumouse a movementos daquela case descoñecidos como o
vexetarianismo, ata que foi derrotado polos prexuízos alimenticios da súa
esposa. Pese á súa militancia sindical e obreira, exercía unha exquisita
tolerancia coas crenzas dos demais, comezando pola relixiosidade da súa familia
e polo pensamento conservador do seu sogro, empregado dos banqueiros
Pérez

|
|