NOVAS

A Fundación contra a Impunidade amplía a querela polo franquismo

A Fundación Galega contra a Impunidade Fernando Pereira, que se sumou á querela presentada en Arxentina para que os responsables do xenocidio franquista sexan xulgados, continúa recabando novos apoios. A entidade, que coordina o traballo de compilación de datos sobre represaliados en Galicia e xa aportou información duns 5.000 galegos axustizados entre 1936 e 1977, informou onte que conta cos poderes notariais dos familiares do destacado nacionalista Moncho Reboiras, asasinado en 1975, e de máis de 20 parentes de arxentinos fusilados en Galicia para sumar os seu casos á denuncia, iniciada polo galego Darío Rivas, cuxo pai, alcalde de Castro de Rei, foi paseado no 36.

O intelectual galego Isaac Díaz Pardo foi o último en sumarse á causa, xa que onte informou que outorgará un poder para que a fundación denuncie a morte do seu pai a mans dos franquistas. Díaz Pardo asegurou sentirse “moi agradecido” polo feito de que “xente máis nova, que non viviu tan de cerca o franquismo, estea a promover esta busca de xustiza, tan necesaria”, indicou.

A entidade, que onte celebrou unha asemblea extraordinaria en Vigo para adaptar os seus estatutos e converterse en fundación “de interese galego”, reiterou a súa intención “de seguir apoiando, con todos os medios técnicos e humanos, a querela admitida pola Cámara Federal de Bos Aires para investigar e xulgar os crimes dos franquistas, fundamentalmente no relativo aos de lesa humanidade cometidos en Galicia”. Entre os seus máis de 80 asociados atópanse personalidades como Manuel Rivas, Manuel Beiras, Méndez Ferrín, César Portela, Neira Vilas ou Pousa Antelo, entre outros.

“A intención é seguir artellando unha fronte común e recabar novos apoios”, explicou o avogado Gustavo García, que presentou os cargos definitivos da fundación. Mariví Villaverde, filla do deputado Elpidio Villaverde, ocupará a presidencia; Francisco Pillado, a vicepresidencia; Gustavo García, a secretaría e Asunción Vaamonde, a tesoureira. Ademais, Isaac Díaz Pardo foi nomeado presidente honorífico. Aquelas persoas que desexen afiliarse á fundación poden facelo como socios ou membros do padroado. Os interesados poden obter máis información en www.fundacioncontraimpunidade.com ou na sede galega da entidade, no número 14 da rúa Marqués de Valladares, en Vigo.

No tocante á querela, Gustavo García indicou que os letrados da entidade, aos que recentemente se sumou o avogado Martín Prieto, están traballando para ampliar as responsabilidades que se puideran esixir aos autores dos crimes franquistas. “Da mesma forma que non prescriben os dereitos de lesa humanidade, estamos traballando conxuntamente con Carlos Slepoy en Arxentina para que o franquismo responda polo espolio económico ao que foron sometidas moitas das vítimas”, indicou.

Tras a recente aceptación pola Cámara Federal de Apelacións arxentina da competencia para axuizar a existencia do “plan sistemático” para a “eliminación física entre 1936 e 1977” dos opositores ao franquismo, o Goberno español debe responder a un exhorto diplomático que pide que se investiguen eses feitos.

 

 

 

28 Setembro 2010, 73 aniversario.

Flores na praza Marcial Villamor Varela.

 

Pasaron os cabalos da noite, e voltou a alba.

Que a memoria nos sirva para enterrar o pasado.

Así lograremos descubrir o futuro.

 

“[...] Para que no sucedan estas cosas dejémonos pronto de quejidos inútiles y manos a la obra, a impedir que éstas se repitan. ¿Cómo?. Tenemos tres remedios principales. ¿Cuales?. La organización, la voluntad y la instrucción. La organización quiere decir unión, la unión supone fuerza, y la fuerza al servicio de nuestros derechos de justicia grita: ¡respeto!. La voluntad es el resorte de la organización; que no os falte nunca, y la organización vencerá por encima y a pesar de todo. La instrucción es el medio más eficaz para emplear con mayor ventaja la fuerza y asegurar así de un modo más positivo los éxitos de nuestras acciones y conseguir con menos esfuerzos nuestras aspiraciones.”             

Marcial Villamor Varela, 1929

 

Acto homenaxe a Marcial en Vilouriz ( 25 - 09 -2010 )

Ver conferencia de Dionisio Pereira

"Marcial Villamor, sindicalista do Olvido"

.

No Campo da Feira de Vilouriz ( Toques )

No campo da Feira de Vilouriz ( Toques )

En la historia de este Pueblo se juega con la verdad. La amnesia o la mentira nos impide recordar. Tenemos calles y plazas, monumentos y demás… dedicadas a verdugos que ensangrentados están. ¿Y quién habla de esa gente, hija de la libertad, que dieron cara a la muerte del franquismo triunfante?. Con las armas en la mano juraron ¡¡ ni un paso atras !! contra el fascismo lucharon por la Libertad. También hay miles de libros, homenajes y palabras a burgueses y liberales que son los que están ahora.¿Qué hicieron estos demócratas cuando había que resistir? Prepararon las poltronas del olvido y la traición. Quién ha hablado del exilio la cárcel o el paredón. L@s que no se arrodillaron ya no pueden hablar hoy. Con las armas en la mano juraron ¡ ni un paso atras ! contra el fascismo lucharon por… por la Libertad por la Libertad ¡¡ por la LIBERTAD !!

Programa de actos na homenaxe do Concello de Toques, o Sábado 25 de Setembro

Ás 17:30 ofrenda floral e inauguración de placa recordatorio no Campo da Feira de Vilouriz.

Ás 19:00 na Aula Multiusos de Toques ( Colexio Vello -  Praza de Souto ) conferencia de Dionisio Pereira, Investigador e Coordinador do Proxecto "Nomes e Voces" : Marcial Villamor, Sindicalistado Olvido

VER CARTAZ   VER DIPTICO

O Concello de Toques acorda rendir unha homenaxe a Marcial.

Envíanos correo o Tenente de Alcalde do Concello de Toques, X. Manuel Ferro, no que nos confirma que a xunta de governo local aprobou, na súa sesión do día 4 de Maio, render unha homenaxe a Marcial Villamor Varela.
O Concello está a traballar xa na devandita homenaxe prevista, en principio, para os días 26 e 27 de Xuño, xa que queren que as actividades da mesma sexan todo o fin de semana.
Consideramos esta unha boa nova, máis cando foi por propia iniciativa do Concello organizala.
Noso agradecemento pola iniciativa

Inauguración da Praza Marcial Villamor Varela

O sábado, 30 de Xaneiro, inaugurouse a praza de Marcial Villamor Varela, xunto á rúa do Olvido. Foi un día denso e intenso, que comezou coa entrevista que o xornalista Luis Iglesias realizou, no programa "A vivir que son dos días Galicia" da cadena SER, a Dionisio Pereira ( escoitar aqui ).

Ás 17:00 h, no Colexio Inmaculada, Dionisio Pereira, investigador e coordinador do proxecto de investigación interuniversitario "Nomes e Voces", desenvolveu unha conferencia sobre Marcial e o seu compañeiro de militancia José Villaverde ( leer aquí ). Coma sempre, Dionisio estivo brillante e magnífico, nunha conferencia que soubo a pouco, pese que durou máis dunha hora.

A continuación, as 19:30, deu comezo o acto en si de inauguración da Praza. Contouse coa condución por parte de Miguel de Lira, e as intervencións da Concelleira do Casco Histórico Olga Pedreira, de Dionisio Pereira ( leer aquí ), de Manolo Rivas, dun representante da familia e pechou o acto o Alcalde de Santiago, Xosé A. Sanchez Bugallo.

Tamén se proxectaron os video "Olvido 18" e "Marcial Villamor" da creadora Lara Bacelo, nos que se relatan vivencias familiares que van dende as lembranzas das fillas de Marcial ata o momento de atopar "en directo" o lugar do seu asesinato e as lembranzas de Ramón, quen sendo neno presenciou o levantamento do cadaver.

 

Xa é unha realidade . (30 de Xaneiro de 2.010)

Hoxe, mediante este acto de inauguración oficial, a praza de Marcial Villamor Varela recibe o seu nome. Ao redor dela, Marcial tivo o seu fogar e o seu obradoiro de ebanista; as súas fillas foron á escola; a súa familia segue a residir ao seu carón; e por esa mesma ladeira tivo que fuxir tiroteado, unha noite de xullo de 1936, na que os esbirros da morte intentaron apreixalo.

Esta podería considerarse, por pleno dereito e á vista da estreita relación coa súa vida, a praza de Marcial Villamor, máis alá da denominación que constase no rueiro e nas placas que o ilustran. Pero o feito de que ademais reciba, oficialmente, o seu nome, é para nós unha cuestión transcendental.

Atopámonos xunto á rúa do Olvido. E esa foi a pena á que se condenou aos que, por atreverse a soñar, foron vítimas desa guerra que de seguro non desexaran. Xunto coa morte, os verdugos impuxeron a condena do esquecemento das vidas e dos feitos. A miña familia, como tantas outras, tivo que soportar unha dobre dor: a de perder un ser amado, e a de non poder choralo en público por medo ao castigo polos seus asasinos.

A miña avoa Pepita que tanto amou a Marcial en vida e tan ben gardou a súa lembranza; a miña nai, as miñas tías e tíos: todas e todos eles víronse forzados a gardar silencio sobre quen fora o meu avó. Tiveron que aceptar as mentiras sobre a súa morte; tiveron que cargar coa lacra social de ser “a familia do roxo”; e tiveron que someterse á tiranía franquista, sufrindo a súa dor en silencio, sen podela compartir, nin sequera, cos máis próximos.

Os meus curmáns e máis eu medramos sen avó; e o que é peor, sen ter o dereito a saber por que nos fora roubado. Ante as nosas preguntas sobre o que lle sucedera, creábase un silencio estraño e tenso, que sempre se resolvía coa mesma frase: “o avó morreu”. Os vencedores na guerra limitaran os logros da súa vida, e as causas da súa morte, a esas tres palabras.

Por sorte, Marcial Villamor foi un home extraordinario que deixou pegada no recordo de quen o coñeceu. Grazas a iso, e á determinación da súa familia, a memoria foi mantida. A través de testemuñas directas, hoxe coñecemos o seu pequeno papel na Historia escrita con maiúsculas.

Marcial foi un home que tivo a valentía de tomar conciencia de si mesmo partindo dunhas circunstancias moi difíciles. Avergoñado pola súa ignorancia, e desde case o analfabetismo, converteuse nun fervente autodidacta que logrou compoñer unha das mellores bibliotecas de Santiago, espoliada e dispersada despois, durante a guerra.

Foi, ademais, un apaixonado dos avances científicos e do progreso humano. Á súa militancia como dirixente da CNT e do Partido Sindicalista, uniu o seu traballo no Ateneo Libertario, na crenza de que a cultura era o único camiño para a realización das persoas, como el mesmo viña a demostrar.

A súa faceta máis coñecida foi a de defensor dos dereitos dos traballadores, sendo un dos máis importantes representantes da loita obreira compostelá naquela época. Por ese motivo, pola súa actividade incesante a prol da mellora das condicións laborais, foi decidida a súa morte por parte dos reaccionarios.

En xullo de 1936 formou parte do Comité de Defensa que enfrontou o golpe militar na nosa cidade, o cal é signo da súa relevancia política naquel momento. Lembro un dos sucesos que protagonizou naqueles días, e que nos foi relatado por testemuñas presenciais. Sabedor das intencións dalgúns compañeiros de militancia de asaltar a Catedral durante a noite, formou unha patrulla coa que se enfrontou a golpes aos exaltados, evitando que o templo resultara danado.

Cando os militares tomaron o control da cidade, foi un dos republicanos significados contra os que os fascistas dirixiron primeiro a súa vinganza. Tivo que fuxir, no medio da noite, entre disparos e deixando atrás á familia, para agacharse durante máis dun ano no seu lugar natal de Vilouriz. Unha mañá de setembro de 1937, o seu corpo apareceu na cuneta da estrada que une Lugo e Santiago, nas aforas de Guntín. Disparáranlle na cabeza. Sabían que a súa forza residía no seu pensamento.

Creo que, de quen coñece a súa vida, a única persoa que dubidaría sobre os méritos de Marcial Villamor Varela para merecer esta homenaxe sería el mesmo. De poder vernos reunidos hoxe aquí, diríanos que tan só cumprira co seu deber e cos ditados da súa conciencia. E que o seu único lamento sería non ter podido ver medrar aos seus fillos; non poder estar xunto á súa muller; e non ter tido tempo de crear un mundo mellor.

Por desgraza, son cada vez menos as persoas que trataron con Marcial e que aínda continúan vivas. A miña avoa Pepita, o seu fillo Marcial, o meu tío Julio, e a miña tía Alicia, finada hai apenas unhas semanas, non tiveron a oportunidade de ver recoñecidos os méritos do seu marido e pai.

Como dicía ao inicio, os nomes das cousas nunca son casuais. O nome de Marcial foi  mantido como un segredo na familia, transmitido de xeración en xeración como o envoltorio da súa lembranza. Hoxe, reunidos aquí, máis de 70 anos despois do seu asasinato, podemos, por fin, dicilo en público e en liberdade. Podemos falar da súa vida, e de todo canto fixo. E as xentes que pasen, lerán nesta placa o seu nome, e quererán saber quen foi Marcial Villamor Varela.

Antes de rematar, quixera facer tres agradecementos en nome de toda a familia Villamor. En primeiro lugar, ao Concello de Santiago, e ao seu alcalde, Xosé Bugallo, por atender á petición da familia; aos grupos Municipais do Partido Socialista e Bloque Nacionalista Galego polo seu voto a favor; o noso respeto ós que votaron en contra; Tamén, agradecerlles a acertada elección deste espazo, tan simbólico; e por  permitirnos facer a homenaxe nesta data, quizais demasiado presurosa, pero na que toda a familia tiña a oportunidade de reunirse.

En segundo lugar, a todos os escritores e historiadores  -  Manolo Rivas, Miguel de Lira, Lara Bacelo, aos compoñentes do proxecto Universitario “Os nomes,as voces”, Eliseo Fernandez, Luís Lamela - que conseguiron rescatar do esquecemento, e recoller para a posteridade a vida do meu avó; e nomeadamente, a Dionisio Pereira, a quen estarei eternamente agradecido.

E en terceiro lugar, a todos aqueles que coa súa sinatura apoiaron a nosa solicitude, facendo que este día resultase posible

Quixera que as miñas últimas palabras sexan as dunha fermosa reflexión escrita polo meu curmán Javier. Un día que estaba especialmente inspirado, quixo lembrar aos nosos avós Marcial e Pepita, sen quen hoxe non estaríamos aquí, con estas verbas:

 A mi abuela se le daban bien las flores

y a mi abuelo las palabras.

Mi abuela ponía aroma en los días

y mi abuelo ponía nombre a las cosas.

Mi abuela se murió cuando le faltaron las fuerzas

y mi abuelo, cuando se le acabó la sangre.

Mi abuela vive bajo un negro manto de tristeza

y mi abuelo bajo un montón de tierra sucia.

 

A Marcial, por ser digno en un país de necios, y para la abuela, por la heroicidad de cada día.

 

Penso que hoxe Marcial descansa un pouco máis en paz . Moitas grazas.

 

Inauguración da Praza Marcial Villamor Varela

O vindeiro día 30 de xaneiro é a data sinalada para a inauguración da Praza que levará o nome de Marcial Villamor Varela.

Para ese día estan previstos os seguintes actos :

Ás 17:00 no Colexio "A Inmaculada" na rúa Concepción Arenal, 11 o proxecto interuniversitario "Os nomes, as voces" organiza unha charla coloquio a cargo do investigador e coordinador do proxecto, Dionisio Pereira. O titulo do mesmo será " Marcial Villamor e José Villaverde, aqueles sindicalistas do Olvido e o Pexego ".

Ás 19:30 será o acto da ianuguración oficial da praza a cargo do Ilmo Sr Alcalde de Santiago, Xose A. Sanchez Bugallo. No mesmo está prevista a intervención de Miguel de Lira, Manolo Rivas e a proxección do documental "Olvido 18" da creadora Lara Bacelo

A páxina na prensa

Con motivo da visita que a tenente de Alcalde, Socorro García, e a concelleira do casco histórico, Olga Pedreira, realizaron ás obras da rúa do Olvido e praza Marcial Villamor, a prensa escrita local fíxose eco da existencia desta páxina. Desde aquí o noso agradecemento . Ver aquí

Nova documentación na sección "Represión en Compostela"

Na seccion "Represión en Compostela", por xentileza de Xesús Alonso Montero, autor do libro "Cartas de republicanos galegos condenados a morte ( 1936 -1948 )" ( Edicións Xerais de Galicia - Xuño 2.009 ) engadimos as cartas que algúns compañeiros, e xente relacionada con  Marcial, escriben despois de que recibisen oficalmente a noticia de que foran condenados a morte e antes de ser fusilados. Algunhas delas só minutos antes. É o momento en que algúns deciden despedirse, por escrito, dos seus : dos pais, dos irmáns, da muller, da noiva, dos amigos .... Escriben todos nunha situación límite, e todos - ou case todos - co convencemento de que, nesas horas, non chegará o indulto polo que as familias, fora de prisión, levaban afanándose a cotio.

Ningún xénero literario expresa con máis emoción o drama da Guerra Civil ( e das súas consecuencias ) que este tipo de cartas escritas polos republicanos nun momento en que toda esperanza estaba perdida. Hai, ademáis, despedidas que son especialmente conmovedoras; outras , dun certo nivel literario; e todas e cada unha, un documento histórico que nos fai deplorar as que xa se perderon para sempre e as que aínda non foron exhumadas. É un libro clave no proceso de construcción da memoria de Galicia que, ademais, constitúe o primeiro corpus espistolar deste xénero, territorio e período que se publica.

 A presentación da sección sufriu un pequeno cambio de imaxe con esta nova documentación.

Sobre a memoria e o Olvido

Comezaron por fin as obras de remodelación da Praza de Marcial Villamor Varela. Non podía haber mellor homenaxe, nin mellor xeito de combater o esquecemento, de revocar o silencio que sobre a súa existencia e accións se intentou impoñer mediante o asasinato, que dedicarlle o espazo urbano en torno ao que desenvolveu gran parte da súa vida. A praza xunto á que viviu, xunto á que tivo o seu obradoiro, xunto á que estaba a escola á que asistiron as súas fillas, xuto á que nacerían os netos que non chegou a coñecer, xunto á que aínda vive parte da súa familia, servirá de lembranza para as xeracións presentes e futuras. Custa imaxinar que exista maior complicidade entre un lugar, un nome e unha persoa. Case podemos deducir os seus pasos por esas rúas e incluso agardar cruzarnos con el, camiñando de vagar baixo a choiva compostelá con ese aire de despiste tan seu, chegando á casa despois dunha reunión no sindicato, coa cabeza ocupada en tantas cousas e nunha soa: construír un mundo mellor que legar aos seus fillos, netos, e bisnetos... Camiño da nosa historia, sen el darse conta.

Sen embargo, as coincidencias do destino resultan tan marabillosas que escapan incluso á nosa fantasía. Se nos achegamos aos traballos de reforma, atoparemos que os propios materiais cos que se constrúe a praza revelan outra referencia sutil que escapa a quen non esté ben atento. A praza onde habitou Marcial Villamor Varela únese co lugar da súa morte, imbricando toda a súa traxectoria vital grazas á maxia da cotidaniedade e das pequenas cousas, elaborando unha referencia soterrada -valga o xogo de palabras- pero de gran significado ao seu pasamento. Os seus asasinos deixaron en Guntín o seu corpo á vista de todos, para que servise de exemplo, e como debuxou Castelao, esa foi a última lección de Marcial, servir de testemuña da barbarie incontrolada de quen quixo decidir as vidas de todos quitándolla a tantos e tantos. Non o sepultaron, para obrigarnos a temer e a esquecer, e erraron no seu propósito, pois só lograron que seguise aínda máis vivo na nosa conciencia. Agora, os nervos da terra sobre a que repousou sosterán o seu nome, e todos o poderemos pronunciar con orgullo e en voz alta, para que a súa presenza nos acompañe por sempre.

Que a memoria nos sirva para enterrar o pasado. Así lograremos descubrir o futuro.

 

O luns día 25 de Maio comezaron as obras da Praza Marcial Villamor Varela.

 

 

O 25 de maio comezaron as obras da Praza Marcial Villamor Varela. Agora só queda esperar que as mesmas transcorran dentro dos prazos previstos e que unha vez finalizadas supoñan unha mellora das condicións de vida dos veciños da Rúa Olvido e Pexegos.

 

VER PLANO DO PROXECTO

 

Antes de Decembro agardase este rematada a Praza Marcial Villamor Varela.

Se todo segue o seu curso normal, antes de Decembro estará  rematada a Praza de Marcial Villamor Varela. Podes consultar o proxecto da mesma no enlace de abaixo

VER PROXECTO DA PRAZA

Nomeada a "Praza Marcial Villamor Varela"

A Xunta de Goberno do Concello de Santiago aprobou, o día 21 de Outubro de 2008, nomear como praza Marcial Villamor Varela a confluencia da rúa do Olvido coa rúa Castrón D’ouro. Con esto remata o trámite oficial e simplemente falta o feito físico da colocación da placa indicativa.

Dende esta páxina queremos dar o noso agradecemento a tódol@s que colaboraron e animaron a que esto poidera acadarse.

Queremos, tamen, amosar o noso agradecemento á Corporación Municipal, sensible dende un primeiro momento ás nosas peticións. Así, recolleron a nosa suxerencia do nomeamento desta praza en concreto dada as connotacións sentimentais que o lugar ten con Marcial. Preto da casa familiar, do traballo, de donde reside moita da familia .... Pensamos que non había un lugar máis axeitado e así se nos atendeu na designación.

  Leer nova na páxina do Concello

Noticia no "Correo Gallego"

 

Reflexións :

Hai hoxe 71 anos mataron a un home nunha cuneta. Sabemos o cómo, o cando e o onde. Non é, xa que logo, un desaparecido. Non nos importa quen o fixo. Foi unha vítima dun tempo, a man culpable é o de menos. O único que descoñecemos, que non acabamos de entender, é o porqué.

Aínda hoxe, un xuíz intenta descubrir qué foi o que sucedeu naqueles anos bárbaros. Por qué un país enteiro entoleceu de rabia e pagou os seus medos e frustracións con xente boa. Por qué uns sacaron vidas ata que o vento cheirou a matadoiro; por qué outros sacaron os ollos para non ver o que sucedía. Quere saber quen morreu; saber quen mataba. Sen facer distincións, sen preguntarse os motivos. Á marxe de sentimentalismos. Só a verdade dos feitos. 

Hai outra xente que di que é mellor non reabrir as feridas. Que o que pasou, pasou. Que hai xa moitos anos diso. Todo aquilo está superado. É mellor para todos esquecer. Nos dous bandos sucedeu o mesmo. Hai que deixar descansar aos mortos e mirar cara ao futuro. Xa a ninguén lle importa, nin aos que vivían daquela. 

Hai 71 anos mataron a un home nunha cuneta. E eu pregunto, tanto a xuíces como a curandeiros: Quen vai curar a infancia perdida dos seus cinco fillos? Que xustiza hai para unha muller que perdeu ao seu home? Como se pode paliar a dor dunha familia rota? Que testemuña queda dun home condenado ao esquecemento? Con qué fíos se suturan as ilusións perdidas e as esperanzas quebradas? Que sentenza redime do terror, dos asaltos nocturnos, das vexacións, do castigo social, da marca ‘roxa’? Que tratamento existe para sandar o medo acumulado durante decenios? Qué xurado decide cándo se deixa de sufrir por un pai morto? En qué vademecum se explica o que se sinte cando che rompen o corazón? Qué lexislación serve para explicar a enaxenación mental dun país completo? Qué escáner devolve a memoria que foi roubada? 

E, finalmente, pregunto aos que aínda non entenden qué é o que senten as familias dos que morreron, nin qué é o que reclamamos: 

Quen lle vai devolver a vida a Marcial Villamor Varela?

 Marcial. ( Bizneto )

Engádese a sección " A xente"

Nesta sección trataremos de ir recollendo aquelas persoas que, por un ou outro motivo, tiveron relación con Marcial ou na vida política e social daquela época.

Praza/Rúa Marcial Villamor Varela ( 29-11-07)

Ás 19:30 horas do día 29 de Novembro de 2007 o Pleno do Concello de Santiago de Compostela aprobou a inclusión do nome de Marcial Villamor Varela na relación de nomes para rúas, prazas e parques pendentes de nomear.

A Xunta de Goberno será agora o órgano encargado de realizar a asignación de cada nome da relación proposta a unha rúa determinada. Na petición elevada ó Concello solicitabase concretamente o nome da Praza situada entre o cruce das rúas dos Pexegos e a rúa do Olvido, por moitos significados. Está practicamente incluida na rúa onde Marcial viveu, a familia segue a vivir moi perto dela e agora mesmo está sen nome.

Na devandita relación ( aprobada cos votos do PSOE - que foi quen fixo a proposta do nome de Marcial - e BNG, e cos votos en contra do PP ) figuran nomes moi relacionados con Marcial ( Manuel Ceruelo, José Luis Puente Dominguez, Federica Montseny Avelino Pousa Antelo ) e non foron incluidos outros como Manuel Fraga, Rouco Varela ou Angel Suquía.

Dende aqui gracias a todos polo voso traballo e apoio a que este proxecto rematara en bo fin.

A fiscalía desestima a demanda contra o historiador Dionísio Pereira (02-10-07)

Un dos historiadores que máis documentación e cariño aportou á figura de Marcial, vese acusado polos descendentes de Manuel Gutiérrez Torres, antigo alcalde de Cerdedo, que consideraban que un estudo do autor atentaba contra a súa honra.

Toda a información en :

Dionisio Pereira

Amplianse seccións (21-09-07)

Despois de tempo sin engadir novas, amplianse seccións. Recollemos a sinatura de Marcial ( documentos ) e información sobre un dos seus consellos de guerra ( consello ).

Ó poder acceder ó Arquivo Militar atopamos amplia información sobre os Consellos de Guerra que sufreu, tanto no 34 como no 36. En breve contamos poder engadilos.

E chegou o día (04-07-07)

A busca rematou . Coa axuda de Antonio, un home que, sendo un neno de nove anos, veu o corpo de Marcial na cuneta, e que hoxe choraba e non podía falar ó lembrar a escea, pechamos o circulo. O Rego dos Vidalos deixa de ser un sitio descoñecido. ( a disposición na seccion "fotos")

O que sentimos neses intres ... non se pode definir. Algo nos fixo notar a presencia de Marcial a tódolos que alí estábamos. Foi como un "xa descanso en paz" que nos chegou de lonxe ... ou de moi preto. Ninguen poido conter as bágoas. Oirlle contar a Antonio a posición do corpo, como os rapaces da vila o velaron aquela noite, a súa lembranza textual das palabras de Dn Dario, o cura parroco, "sera comunista, pero ten alma como nos", dirixidas ós seus feligreses ... foron moitas emocions.

Antes o día xa fora dabondo. Conseguimos fotos do interior da casa onde estaba agochado. A lareira, tal e como estaba naqueles anos, onde Marcial pasaría as noites daquel inverno falando co seu primo Xosé da situación politica. Mentras, Dolores, lavaba a louza no fregadeiro de pedra. Entramos na habitación da mestra falanxista que compartia, allea, teito con Marcial.

Visitamos a Dn José, o curra parroco de Ferreira de Guntin, que puxo á nosa disposición os arquivos. Alí atopamos o certficado de enterramento de Marcial, no que Dn Dario di que "falleció el día veintiocho de septiembre a las seis de la mañana en Rego dos Vidalos, carretera de Santiago, de muerte violenta "   (contradecindo a versión oficial)  e tamen a autorización para transladar as cinzas a Boisaca no ano 1950 ( a disposición na sección "documentos").

A tódolos que colaboraron na busca ¡¡ gracias !!

Viaxe a Rego dos Vidalos II ( 14-06-07)

Non hai resultados. O posible sitio non coincide coas nosas noticias. Entre outras cousas, naquel ano non pasaba por ali a estrada. Nembargante deixamos moitos "axudantes". Visitamos parroquias. Falamos coa xente. Todos se brindaron a colaborar si lembraban algo. Visitamos a Dn José, o parroco de Ferreira de Pallares, que se ofreceu a falar cos veciños na procura de datos .... estamos á espera de novas ... pero as vibracións son positivas .....

Viaxe a Rego dos Vidalos ( 13-06-07)

O vindeiro mércores, día 13, desprazarémonos a Rego dos Vidalos. Despois de moito tempo de búsqueda e de moitas consultas , por fin, Tito, consigueu saber que, pese ó seu nome, non era un rego o que buscábamos senon que era unha finca que ten ese nome. O mércores agardamonos achegar ata ali . . .  ¡ e xa veremos os resultados ¡

 

Amplíase a sección "A represión en Compostela" cos nomes dos paramilitares. ( 05-06-07 )

Coa investigación de Luis Lamela García amplíase a seccion da "Represión en Compostela". Xa non só aparecen os nomes das victimas, senon que se engaden os dos seus executores. Gracias a este historiador polo seu traballo,  a súa contribución "boa e xenerosa" á ampliación desta documentación. Queremos facer notar expresamente que a devandita información non leva ningún animo revanchista, nada máis lonxe da nosa vontade. Non é máis que eso, información. Simplemente, para que o interesado no tema da páxina poida coñecer os datos e os acontecementos daquelas "calurosas noites do veran compostelan do 36" que durante tantos anos foron silenciados ou manipulados.

 

Colgase a nova páxina de Marcial Villamor Varela ( 27-05-07)

Despois dun tempo "en obras", e de mercar o seu propio dominio, reabrese a páxina en lembranza de Marcial. Queremos que sexa unha páxina aberta a aportacións e opinións. Seguiremos tratando de ir engadindo contido a medida que o vaiamos obtendo. De feito, neste intre dispoñemos de algún máis que está pendente de escaneo e outro, como o seu "Sumario por traición" do 02/08/1936, do que estamos a espera da sua recepción. Animámovos a que cada certo tempo vos vaiades dando unha volta por aqui.

 

Solicitude ó Concello de Santiago (19-02-07)

O pasado día 19 de Febreiro (vespera do seu aniversario). foi entregada no Concello a solicitude de recoñecemento á persoa de Marcial.

A mesma iba acompañada de 1.200 sinaturas, recollidas tanto personalmente coma por medio de internet, que apoiaban este recoñecemento, e que solicitaban a concesión do seu nome para un praza ou rúa na nosa cidade.

A devandita solicitude foi acollida con interese polo Alcalde, e coa promesa de incluilo na lista de nomes que propondrá para as novas rúas.

 

Apoio a Dionisio Pereira (10-02-2007)

O 12 de agosto de 2006, Verbo Xido, Asociación Ecoloxista e Cultural da Terra de Montes, organizou unhas xornadas de recuperación de Memoria. Falaron varias asociacións, presentouse un libro de Dionisio Pereira, organizaron unha rota por lugares da represión, e descubriuse unha placa, colocada sobre unha fermosa pedra labrada por canteiro local, na memoria de dous homes, Francisco Arca e Secundino Bugallo, canteiros e da CNT, torturados e asasinados o 13 de agosto de 1936 nunha cuneta de Pedre.

Non se sabe se os asistentes e as asistentes á homenaxe choraban de emoción ou polo fume, pois alí mesmo alguén plantara lume no monte había pouco tempo, e semellaba provocado, pois prenderan lume sobre queimado, que por alí xa ardera había dous días, como parte da vaga de incendios deste verán.

Máis tarde alguén arrincou a placa de homenaxe, que Verbo Xido repuxo outra vez en novo acto, no mes de novembro. Parece continuación destes feitos que a Corporación Municipal de Cerdedo revisara e anulara, de xeito non moi regular, un acordo previo que esixía a retirada da placa con nome dun alcalde implicado na represión.

E agora presentaron dúas denuncias contra Dionisio Pereira, por este parágrafo do seu libro sobre a represión fascista na comarca de Cerdedo: "Persoas sinaladas pola súa presunta participación en diversas manifestacións da represión: Angel, Luis e Manuel Gutiérrez Torres (xefe da Falange, alcalde de Cerdedo nos anos 40 e 50), Eligio e Francisco Nieto (falanxistas)...." , e por outro parágrafo semellante nas Actas do Congreso de Memoria de Narón.

Dionisio Pereira está citado a comparecer no Xulgado de Paz de Cerdedo este xoves día 15, ás 11 e ás 12. Pídenlle que se retracte, cousa que Dionisio non pensa facer (como pode retractarse alguén dun traballo de investigación?) e que indemnice aos familiares.

Tirado de www.unionlibertaria.org

 

Carta  de Dioniso Pereira :

A familia (residente en Pontevedra) do antigo alcalde de Cerdedo (dende 1950) e xefe local de Falange nos días que seguiron ao golpe militar, Manuel Gutiérrez Torres, familia que tamén está emparentada con outro falanxista de primeira hora, Francisco Nieto, tenme presentado unha demanda de conciliación que se verá o día 15 de febreiro ás 11h no Xulgado de Paz de Cerdedo, por publicar no libro "A IIª República e a Represión franquista no Concello de Cerdedo" editado en 2006 por "Verbo Xido" a seguinte frase: "Persoas sinaladas pola súa presunta participación en diversas manifestacións da represión: Angel, Luis e Manuel Gutiérrez Torres (xefe da Falange, alcalde de Cerdedo nos anos 40 e 50), Eligio e Francisco Nieto (falanxistas)...." Tamén o fan por unha frase semellante publicada no meu traballo incluído nas Actas do Congreso da Memoria celebrado en Narón en decembro de 2003. Esixen que me retracte, que publique esa retractación nos mesmos medios nos que foron escritas as frases devanditas e que acepte unha indemnización polos danos e perxuízos sufridos, "en la cuantía que se determinará en el momento procesal oportuno". Como é evidente, eu nin podo nin quero retractarme, posto que esas persoas foron sinaladas por numerosas fontes orais como participantes nunha represión na que se pasearon a 7 veciños, houbo malleiras, multas, roubos, detencións e humillacións se taxa, etc. etc. Non podo, pois, por que non podo faltar á verdade, e porque tamén está en xogo a dignidade das vítimas. O problema é que só teño fontes orais, posto que como sabedes, os paseos, as malleiras, os roubos, etc. non teñen a penas referencias documentais (só en casos moi excepcionais) e ficaron impunes. Ademáis, eu non utilizarei nunca as miñas fontes orais como testemuñas nun xuízo, porque non podo implicar nesa situación tan desagradable a persoas de máis de 80 anos, que confiaron en min e que xa saben o que foi a represión fascista porque aturaron con ela na súa mocidade. Algúns, ademáis, son familiares directos dos asasinados. En conclusión, está en xogo a liberdade de expresión e o mantemento "per secula seculorum" da impunidade dos agresores, asumida hoxendía polos seus descendentes.

A maiores, aqueles que se beneficiaron do franquismo, pretenden seguir facéndoo en retrospectiva. Entendo, pois, que isto sobarda a cuestión persoal, e debera ser tomado en conta xunto con outros "incidentes" similares que están a acontecer (no Grove e en Cambados, por exemplo), por todas aquelas persoas e entidades que vimos traballando na recuperación da memoria da represión franquista, e, se é posíbel, darlles unha resposta colectiva. Por algunhas informacións, me consta que a familia en cuestión tivo presións externas, non sei de quén, pero posibelmente de círculos da dereita, para presentar a demanda. Polo tanto, se temos en conta as ameazas que comezan a proliferar, podemos estar no comezo dunha estratexia para cortar as actividades de historiadores e colectivos debruzados nesta temática, aproveitando os innegables trazos conservadores (por utilizar unha expresión suave) do aparato xudicial: daqueles polvos da Transición, veñen estes lodos. Podedes facer uso desta información da maneira que creas máis convinte. Envíovos tamén un comunicado que fixo a directiva da asociación "Verbo Xido" por se queredes adheriros: trataríase de envialo rápidamente á prensa co maior apoio posíbel de colectivos e persoas. En calquera caso, nós estamos polo labor de facer algo conxuntamente.

Outra cousa:

O domingo 18 a partir das 12h ate as 17 h. a Asociación de Mulleres "Espadela" celebra no Pavillón de Deportes Municipal a VIIª Festa da Vincha. Pois ben, convidaron a "Verbo Xido" a que puxeramos un posto de libros de autores da bisbarra; daquela, aproveitando o convite, imos facer unha venda masiva do libro en cuestión. Como pode haber rexeites por parte dalgún elemento montaraz da potente dereita local, estamos facendo un chamamento aos amig@s e correlixionari@s a que nos fagan unha visita, tomen un viño, proben a vincha, e nos arroupen coa súa presenza e impidan que haxa ningunha saída de tono dos carcas. Así que xa sabedes, se vos animades a vir pola montaña..... E máis nada. A ver en que queda todo isto.

Saúde

Dionísio Pereira

Onde apoiar a Dionisio: redaccion@culturagalega.org santiago@farodevigo.es pontevedra@farodevigo.es aestrada@farodevigo.es info@elcorreogallego.es digital@laopinioncoruna.com laregion@laregion.net redaccion@elpais.com internet@elmundo.es noticias@vieiros.com editor@vieiros.com