Silvio Santiago

O achado da breve correspondencia mantida polo autor de "Vilardebos" e "O silencio redimido", con figuras senlleiras do anarcosindicalismo como Angel Pestaña e Federica Montseny, animoume a escribir unhas letras sobre esta fasquía pouco coñecida do escritor de Vilardebos.

Silvio viveu na Coruña entre 1927 e 1937, tempo en que xa comezara a facer as súas primeiras colaboracións literarias no xornal vigués "El Pueblo Gallego". E co abrente da República, afiliouse ao cenetista "Sindicato de dependientes de comercio", onde en certos momentos asumiu cargos directivos e mesmo interviu como representante nalgún mitin. No libro "O silencio redimido" fala do seu papel secundario, aliñado coa corrente moderada do sindicatooposta ao concepto revolucionario do anarquismo practicado pola FAI, e lembra con agarimo a súa amizade con José Villaverde. Pola mediación deste, comezou a correspondencia cruzada con Pestaña que daría como resultado en 1934 a integración no Partido Sindicalista.

Neste período, dentro da súa modestia, é perceptíbel un certo activismo. Así, en xuño do ano devandito, asina como fundador os Estatutos do novo partido na Coruña e , no segundo semestre, colabora activamente nos dous primeiros periódicos do PS: "Sindicalismo" de Barcelona e "Trabajo", voceiro quincenal da agrupación herculina. E ata os días da Guerra civil, Silvio, conceptuado polos camaradas como "culto, entusiasta, con buenas orientaciones y mejores iniciativas", seguiu en tratos con militantes moderados da CNT, en especial co dirixente da Federación Local e xerente da "Tipografía Obrera",  o empregado da fábrica de gaseosas "la Unión" , José Prego.

Detido nas cadeas de Ourense e Coruña. Silvio zafouse por nada de "ir por claudias"; unha vez a salvo na Habana continuou, por medio de Federica Montseny, a relación epistolar con Prego. Este, refuxiado primeiro en Asturias e logo en Barcelona, dirixiu ata o seu exilio definitivo en Mexico a revista libertaria "Umbral"

"Nunca reneguei da CNT, inda que non concordase cos seus directivos", deixou escrito Silvio Santiago. E abofé que o demostrou cando voltou millonario e galeguista de Venezuela, ala pola década dos 60. Naqueles días. o seu rechamante "Mercedes" serviu de orixinal tapadeira a máis de unha xuntanza clandestina dos ácratas coruñeses, teimudos nos seus soños de resurrección confederal .....

Transcrición do libro "Sindicalistas e rebeldes" de Dionisio Pereira

 

 

 

A carta de Ángel Pestaña

Sen corta-lo fio deste inesgotable novelo, farei un nó nel para lembra-lo fillo do aquí mencionado secretario de sucesivos gobernadores civís de Ba rcelona. Chamábase Jordi Grau, igual co seu pai, e souben da súa existencia uns vinte anos despois de que Portela Valladares ocupara, por vez primeira, aquel goberno civil; ocasión na que o seu secretario catalán deu motivo para ser un dos protagonistas secundarios do presente folletín.

Jordi Grau,jr., nunha natural e lóxica reacción xeracional ó reaccionario pensamento do seu proxenitor, afecto á Lliga Catalana de Cambó, e incondicional servidor dos intereses da burguesía que a patrocinaba, fíxose ácrata moi novo, mentres cursaba Farmacia na Universidade da súa cidade natal e condal. Cómpre advertir que o anarquismo do xoven Jordi era de tipo moi moderado, semellante ó de Salvador Seguí, o desgraciadamente asesinado “Noi del Sucre”, no que prevalecía a seu “seny” catalán.

Non obstante, ó implantarse a Dictadura de Primo de Rivera, alcanzou tamén a Jordi Grau, jr., a persecución que os xenerais Martinez Anido e Arregui desataron contra os homes da CNT e da FAI. Mediaba daquela a súa inacabable carreira de Farmacia, e por ter participado nos últimos disturbios universitarios, houbo de cambia-la súa matrícula a outra  Universidade onde aínda non aparecese fichado como estudiante revolucionario.

Só existían facultades de Farmacia en catro Universidades : Madrid, Barcelona, Granada e Santiago. Jordi Grau, jr., escolleu a última, porque supuxo que sería nela onde mellor podería pasar desapercibido.

Antes de abandona-la súa cidade, o xoven Grau visitou ó seu bo líder, Angel Pestaña, facéndose pasar por sobriño seu. E o austero dirixente sindical deulle una carta para os seus compañeiros de loita en Galicia máis sobranceiros, naturais de Santiago todos eles, pero entre os papeis que gardaba na cela carceraria non figuraban os enderezos postais dos significados sindicalistas galegos.

De aí que a carta de Pestaña mostrase a partularidade de ir dirixida a cinco persoas distintas, pois ó carecer de certeza de cales dos seus compañeiros galaicos estiveran en liberdade, levaba no sobre os nomes de José Villaverde, Manuel Fandiño, Ezequiel Rey, José Pasín e Marcial Villamor.

Así, o estudiante catalán de Farmacia iría preguntando por cada un, ata dar co primeiro que aínda permanecese libre. Xa estaba preso Villaverde, no carcere da Coruña, segundo lle dixo un camareiro do café Español, de pinta libertaria. Logo informoulle que Manuel Fandiño era o irmán das tres Marías e vivía con elas, cara San Caetano.

Eran xa as tres Marías, nos anos vinte, o motivo de burla da Compostela frívola e superficial. Pero, ós corazóns sensibeis, causaba una mágoa infinita o espectáculo nas rúas daquelas tres irmáns pintarralladas e vestidas cos atrevidos e baratos modelos que elas mesmas, hábiles modistas, confeccionaban.

Sempre as tres do “ganchete” entrañablemente enlazadas, cal producto dun parto triple e siamés, que ó medraren e iren envellecendo trocábanse nunha caricatura xacobea, ou gárgola románica, das Marías evanxélicas da Cricifixión: María Magdalena, María Cleofás, María Salomé … segundo pode deducirse das versións, non de todo coincidentes, dos catro evanxelistas.

Xa durante os anos vinte, cando o trío fraternal aínda estaba completo, as Marías constituían o elemento feminino de meirande popularidade entre a veciñanza e o corpo escolar de Santiago. Soamente o Nécoras, orixinalísimo revolucionario ( pesonaxe logo dunha novela de Casado Nieto ), e Modesto, o Churreiro, posuían daquela, dentro do elemento masculino, unha sona comparable.

Finxían moitos estudiantes, para pasa-lo rato, sentirense namorados das tres Marías e declaraban o seu amor, a voces, baixo os soportais ou na Ferradura. E no fondo do seu falaz trato agarimoso, latexaba certa tenrura e así, aínda ríndose das Marías, podía apreciarse que gardaban ás humildes e maquilladas modistiñas un indisimulable respecto.

A aparición das Marías marcaba o comezo do paseo estudiantil do mediodía, ó transpasaren a raia do Preguntoiro. Viñan presurosas, descendendo de San Caetano, pisando os seus zapatos do reloxio cidadán. O seu horario era máis puntual e cumprido que o da Trinidade ( que os poetas ripieiros chaman parvamente “da Berenguela” ).

De tal xeito que cando as Marías eran tres, eran “as tres en punto”, aínda que a auténtica hora fose a una e media. E cando, por desgracia, as tres irmáns quedaron reducidas a dúas, foron “ as dúas en punto”, aínda que o reloxo da Trinidade dese a badaladas das dúas menos cuarto.

Serían, xa que logo, “as tres en punto”, é decir, a unha e media, a hora exacta na que o estudiante catalán de Farmacia, Jordi Grau, jr., recén chegado a Santiago, encamiñábase cara o barrio de San Caetano ( onde agora ten os seus reais a Xunta ) para entrega-la carta de Ángel Pestaña ó irman anarquista das tres Marías.

O chegar a Santa Clara – intuíndo Jordi que estaba preto do seu destino – preguntou a un “villéu” que, por casualidade, dirxía alí o transito, se sabía cal era o domicilio das señoritas Fandiño, coñecidas popularmente por “as tres Marías”. O garda municipal, afeito ó trato con forasteiros, turistas e peregrinos, non se extrañou do acento catalán daquel estudiante, e respondeulle moi atento, sinalando o obxectivo : ¡ Por aí veñen, precisamente, “as tres en punto” ¡. 

No seu diario descenso cara o paseo estudiantil do mediodía, na Ferradura, ou na Rua do Vilar, segundo o tempo que fose, os zapatiños de tacón das tres Marías pisaban a beirarrúa do convento do Carme, cando lles sorprendeu a inopinada interrupción da presurosa marcha por parte dun mozo de aire forasteiro.

Moi ben coñecían “as tres en punto”, un a un, a cantos centos de universitarios, non milleiros coma hoxe, cursaban as súas carreiras en Santiago. Evidentemente, aquel mozo moreno, de barba rala e aspecto un tanto avanzado, non figuraba na súa nómina de recoñecidos galanteadores.

Aínda sendo descoñecido, ¿querería aquel rapaz, por ventura, gastarlles algunha broma ?. Expuxéronse en garda as tres esborranchadas irmáns, dispostas a responder axeitadamente, coa súa faiscante gracia, nelas conxénita, ó que tal mozo lles dixera. Pero o que menos podían agardar era que Jordi Grau,jr., lles comunicase o seguinte :

-   Díxome ese garda municipal da esquina que son vostedes as irmáns de Manuel Fandiño. Traio para el, desde Barcelona, una carta de Ángel Pestaña, e quixera entregarlla na man

 

-    Noso irmán Manuel áchase en paradoiro descoñecido, pois foise da casa minutos antes de que viñera a detelo a policía secreta. Por certo que ese “villéu” que lle informou a vostede  de quen éramos, é o mesmo que acompañou ós polizontes para indicarlles o domicilio de meu irmán.  Ándese con coidado, desde agora, porque de seguro que xa o fichou, por preguntar o noso – alertou ó estudiante catalán a máis baixa e de meirande idade das Marías, a mesma que os alumnos de dereitas chamaban Fe e os de esquerdas, Liberdade – dado que ningún sabía a ciencia certa cal era o nome de cada una das tres irmáns, de aí que os estudiantes católicos as bautizaran cos das virtudes teológicas, Fe, Esperanza e Caridade, e, en troques, os estudiantes republicanos, da recén fundada FEU, lles concedesen os termos do celebérrimo lema da Revolución Francesa : Liberdade, Igualdade e Fraternidade, que se axustaban mellor á ideoloxía ácrata do seu perseguido irmán.

Xa que logo, dentro deste trio fraternal de dobre titularidade, a atención de Jordi Grau,jr., polarizouse cara á menor e máis alta das irmáns. A quen correspondía no trinomio, o nome de Caridade, e no tripodio ( como diría Unamuno ) revolucionario, o de Fraternidade.

Sustantitvo feminino que agora está de moda transformar en Solidaridade, acaso porque Fraternidade seméllales ós políticos deste tempo un vocábulo cursi dabondo e lles recordé e repugne o seu sinónimo máis enxebre, Irmandade, ateigado de resonancias franquistas. Sen embargo, ninguna outra palabra debería ser máis grata a esquerda galega, a causa das súas históricas raíces nas Irmandades dos Irmandiños.

Borobó.

Texto publicado no libro “As Marías”. Consorcio de Santiago. 1994