O 28 de setembro de 1937 foi asasinado Marcial Villamor Varela. Un delito que xamais se investigou, ocultado baixo o ditame de derrame cerebral. Unha falacia que a súa familia se viu obrigada a aceptar para evitar represalias, e que formaba parte da estratexia franquista para facer desaparecer a milleiros de persoas, tanto de forma física como da memoria colectiva.
1899-1931
Os primeiros anos
Marcial Villamor naceu en Vilouriz (Toques) no 1899 no seo dunha familia humilde, aínda que se trasladará moi novo a Santiago de Compostela, onde desenvolverá o seu traballo de ebanista e a súa acción sindical.
Sendo mozo marchou de quinto a Marrocos, unha experiencia da cal non gustaba de falar, pero que dá lugar a un feito trascendental: a chegada ás súas mans dun panfleto anarquista en contra da presenza militar española. Marcial avergóñase da súa condición de case analfabeto, e decide aprender a ler e coñecer o pensamento ácrata. Desde entón, convértese en autodidacta e frecuenta as librerías e tertulias compostelás, ata completar unha das mellores bibliotecas privadas da cidade, que alcanza sona local.
A súa paixón pola lectura valeulle a oportunidade de coñecer a Ortega y Gasset. Arturo Cuadrado, amigo de Marcial e propietario da librería Niké -na cal os clientes pagaban polos libros o que consideraban-, relatou que, “o célebre anarquista Marcial Villamor pagou dez céntimos por un libro seu, e pasou ao día seguinte a pagar outros dez porque lle entusiasmara. Cando llo contei a Ortega, quixo coñecelo, e o gran intelectual foi a casa do carpinteiro, que sería paseado”.
Ao longo da súa acción pública, intentará difundir a importancia da cultura e do coñecemento entre a clase obreira. Foi un dos promotores e membro destacado do Ateneo Libertario compostelán, que chegou a ter enderezo a efectos de notificación no seu domicilio, o número 18 da rúa do Olvido.
1931-1936
II República e o Consello de Guerra
Marcial Villamor comeza a súa militancia na CNT con anterioridade á proclamación da República. En 1930 representa ao “Sindicato de Carpinteros y similares” de Santiago no pleno rexional celebrado na Coruña. A Confederación Rexional Galaica, de liña moderada, colaborou coas forzas republicanas na campaña electoral que deu lugar á proclamación do 14 de abril.
A radicalización progresiva do sindicato, debido ao aumento de directivos provintes da FAI, provoca que Villamor Varela -encadrado na ala moderada dos chamados “trentistas”-, se vaia afastando progresivamente da CNT, se ben continúa na loita obreira. Entre 1931 e 1932, colabora cos folguistas da liña de ferrocarril Zamora – A Coruña, e organiza a solidariedade local coa folga da Constructora Naval de Ferrol. Este distanciamento é máis significativo a partires de 1933, cando se produce a dimisión da directiva da CRG encabezada polo seu amigo José Villaverde, e o fracaso da folga insurrecional convocada en decembro, tras a victoria electoral da dereita.
En febreiro de 1934, ao tempo que participa como delegado da CRG no “Pleno nacional de Regionales” de Barcelona, visita a Ángel Pestaña, fundador do Partido Sindicalista, que propón a participación electoral e a colaboración entre forzas de esquerdas. No verán dese ano, Marcial Villamor artella a representación santiaguesa do Partido, a máis nutrida de Galicia, e na cal se integran moitos cadros sindicais composteláns descontentos coa CNT, especialmente tras os sucesos de outubro.
Consello de Guerra
Na madrugada do 10 de outubro é detido cando tiña no seu poder follas de propaganda a favor da amnistía aos presos políticos de esquerda, e contra a liberación dos xenerais que se alzaran contra a República no 32. Foi procesado por un tribunal militar, polo delicto de “excitación á rebelión militar en grado de tentativa”, e condenado a seis meses de prisión.
No informe da Dirección Xeral de Seguridade ao tribunal, o comisario compostelán considera a Villamor “uno de los principales dirigentes de las masas obreras; fue el fundador del Ateneo Libertario, que en la actualidad funciona clandestinamente, y en todos los movimientos societarios que se declararon en esta ciudad ha tomado siempre parte activa”. A respecto da Revolución de Outubro, afirma que “aún cuando no existe una prueba fehaciente de su participación, es de suponer que es uno de los cabecillas del mismo, toda vez que […] destacó siempre como efectivo directivo, y entre los obreros de esta localidad está considerado como uno de los líderes organizadores de las masas obreras”.
O documento evidencia que, a finais de 1934, Marcial Villamor Varela era persoa destacada no obreirismo compostelán, cunha proxección pública e unha influencia que o significaban especialmente.
No período que pasa no cárcere, nos baixos do Pazo de Raxoi, colabora co semanario esquerdista ‘SER’, da man dos seus amigos Suárez Picallo e Arturo Cuadrado. Unha vez cumprida a condena, a finais de 1935, participa na preparación da campaña electoral do ano seguinte, na que o Partido Sindicalista se integra na Fronte Popular. En xullo do 36 intervén, en Pontevedra, nun mitin a favor do Estatuto de Autonomía.
1936
Golpe de Estado do 36
O 18 de xullo, Marcial Villamor formará parte do Comité de Defensa da República que enfrontou o golpe na cidade. Nas reunións do Comité, e nas asembleas da Praza do Obradoiro, discútese a estratexia a seguir en función das posturas ideolóxicas. Segundo o historiador Luis Lamela, Villamor interviu para evitar o asalto á casa do empresario Olimpio Pérez (de quen o sogro de Marcial era chófer), e a queima de igrexas locais.
O home que impediu a queima da Catedral de Santiago
De igual xeito, tal e como narraron testemuñas presenciais e se recolleu en informes de consellos de guerra, parece probado que Villamor impediu que a Catedral compostelá resultase danada nos primeiros días do golpe. Algúns sectores da esquerda planearon dinamitar a Catedral cos explosivos traídos polos mineiros de Lousame. Marcial, coñecedor disto, convenceu e liderou a un grupo de mozos anarquistas -entre eles, o militante cenetista Manuel Ceruelo, quen nos contou o episodio- para formar unha patrulla de protección que se enfrontou aos seus compañeiros.
Santiago permaneceu leal á República ata o día 20 de xullo, en que un grupo de voluntarios apoiados por mineiros de Lousame diríxense á Coruña a defender o Goberno Civil dos militares sublevados.
Aproveitando a ausencia das milicias obreiras, o comandante militar, José Bermúdez de Castro, faise co control da cidade. Ás 12 da noite, as súas tropas tomaron os puntos estratéxicos e as rúas compostelás. O alcalde Casal é deposto e detido. Segundo Fernández del Riego, no momento da rendición os militares prometeron respectar as vidas dos republicanos, promesa que non foi cumprida.
1937
Persecución e fuxida
Esa mesma noite, unha forza armada de falanxistas asalta a casa de Marcial, e este fuxe saltando as tapias que hoxe conforman o Parque de Belvís. Logra escapar entre disparos e refúxiase varios días na casa familiar doutro sindicalista destacado, José Villaverde. Nese tempo, os golpistas asaltan e rexistran a súa casa noite tras noite. Destrúen mobles; acosan, agreden e insultan á familia; saquean e queiman a súa biblioteca -ningún libro ficou en propiedade da familia-; e chegan a secuestrar ao sogro de Marcial, Martín Castiñeiras, a quen salva a intervención do seu patrón, o importante banqueiro Olimpio Pérez.
A familia de Marcial, residente na casa do Olvido 18, estaba composta polo seu sogro, a súa muller, e cinco fillos -a maior de 12 anos, e o menor, de apenas uns días-.
Marcial logra fuxir cambiando de agocho, e tras saber dos asasinatos fascistas, decide esconderse en Vilouriz. Despídese para sempre da súa familia en San Lázaro, onde tan só poden cruzar a mirada, sen dirixirse a palabra. Na súa aldea natal é ocultado por uns curmás durante meses, ata que o cerco se estreita e os rexistros se suceden de novo.
Esta presión faille comprender o risco que corren el e os seus parentes, polo cal decide continuar a fuxida cara a Asturias, o territorio republicano máis próximo. A finais de setembro do 37, con documentación dun familiar, deixa o seu agocho. É retido no camiño, en Baralla, e levado a Lugo para comprobar os seus documentos. A coartada funcionou e foi liberado, pero saíndo do cuartel foi recoñecido por un compostelán e detido de inmediato.
setembro (1937)
Asasinato
Ordénase o seu traslado á capital galega, onde se lle formara consello de guerra en ausencia. Durante a viaxe, á saída de Guntín, é asasinado dun disparo na cabeza.
A súa morte foi unha máis das moitas que provou a represión sistemática dos sublevados, contra as persoas que durante a República militaron política e socialmente na esquerda. Esa represión sumiu a España nunha involución de décadas respecto a Europa, porque as vítimas eran a xeración máis brillante, preparada e comprometida do país.
As persoas que o trataron destacaban a súa bondade, a súa amabilidade e tranquilidade. A súa formación cultural levouno a un coñecemento social e técnico que non era propio da súa orixe. Estaba ao tanto dos avances da época, ignorados pola maioría, e sumouse a movementos case descoñecidos daquela como o vexetarianismo. Desde a súa militancia sindical e ácrata, respectaba as crenzas dos demais, comezando pola relixiosidade da súa muller ou o pensamento conservador do seu sogro.
Villamor foi un dos primeiros obxectivos dos fascistas santiagueses pola súa militancia obreira e pola súa acción sindical, que lle valeu o odio dos poderosos, contrarios á mellora das condicións de vida dos traballadores.
As súas reinvindicacións incluían cuestións que hoxe parecen asumidas, como a redución horaria das xornadas abusivas, a dignificación das condicións e relacións laborais, o descanso semanal ou o acceso da clase obreira á cultura.