O 12 de agosto de 2006, Verbo Xido, Asociación Ecoloxista e Cultural da Terra de Montes, organizou unhas xornadas de recuperación de Memoria. Falaron varias asociacións, presentouse un libro de Dionisio Pereira, organizaron unha rota por lugares da represión, e descubriuse unha placa, colocada sobre unha fermosa pedra labrada por canteiro local, na memoria de dous homes, Francisco Arca e Secundino Bugallo, canteiros e da CNT, torturados e asasinados o 13 de agosto de 1936 nunha cuneta de Pedre.
Non se sabe se os asistentes e as asistentes á homenaxe choraban de emoción ou polo fume, pois alí mesmo alguén plantara lume no monte había pouco tempo, e semellaba provocado, pois prenderan lume sobre queimado, que por alí xa ardera había dous días, como parte da vaga de incendios deste verán.
Máis tarde alguén arrincou a placa de homenaxe, que Verbo Xido repuxo outra vez en novo acto, no mes de novembro. Parece continuación destes feitos que a Corporación Municipal de Cerdedo revisara e anulara, de xeito non moi regular, un acordo previo que esixía a retirada da placa con nome dun alcalde implicado na represión.
E agora presentaron dúas denuncias contra Dionisio Pereira, por este parágrafo do seu libro sobre a represión fascista na comarca de Cerdedo: “Persoas sinaladas pola súa presunta participación en diversas manifestacións da represión: Angel, Luis e Manuel Gutiérrez Torres (xefe da Falange, alcalde de Cerdedo nos anos 40 e 50), Eligio e Francisco Nieto (falanxistas)….” , e por outro parágrafo semellante nas Actas do Congreso de Memoria de Narón.
Dionisio Pereira está citado a comparecer no Xulgado de Paz de Cerdedo este xoves día 15, ás 11 e ás 12. Pídenlle que se retracte, cousa que Dionisio non pensa facer (como pode retractarse alguén dun traballo de investigación?) e que indemnice aos familiares.
Carta de Dioniso Pereira :
A familia (residente en Pontevedra) do antigo alcalde de Cerdedo (dende 1950) e xefe local de Falange nos días que seguiron ao golpe militar, Manuel Gutiérrez Torres, familia que tamén está emparentada con outro falanxista de primeira hora, Francisco Nieto, tenme presentado unha demanda de conciliación que se verá o día 15 de febreiro ás 11h no Xulgado de Paz de Cerdedo, por publicar no libro “A IIª República e a Represión franquista no Concello de Cerdedo” editado en 2006 por “Verbo Xido” a seguinte frase: “Persoas sinaladas pola súa presunta participación en diversas manifestacións da represión: Angel, Luis e Manuel Gutiérrez Torres (xefe da Falange, alcalde de Cerdedo nos anos 40 e 50), Eligio e Francisco Nieto (falanxistas)….” Tamén o fan por unha frase semellante publicada no meu traballo incluído nas Actas do Congreso da Memoria celebrado en Narón en decembro de 2003. Esixen que me retracte, que publique esa retractación nos mesmos medios nos que foron escritas as frases devanditas e que acepte unha indemnización polos danos e perxuízos sufridos, “en la cuantía que se determinará en el momento procesal oportuno”. Como é evidente, eu nin podo nin quero retractarme, posto que esas persoas foron sinaladas por numerosas fontes orais como participantes nunha represión na que se pasearon a 7 veciños, houbo malleiras, multas, roubos, detencións e humillacións se taxa, etc. etc. Non podo, pois, por que non podo faltar á verdade, e porque tamén está en xogo a dignidade das vítimas. O problema é que só teño fontes orais, posto que como sabedes, os paseos, as malleiras, os roubos, etc. non teñen a penas referencias documentais (só en casos moi excepcionais) e ficaron impunes. Ademáis, eu non utilizarei nunca as miñas fontes orais como testemuñas nun xuízo, porque non podo implicar nesa situación tan desagradable a persoas de máis de 80 anos, que confiaron en min e que xa saben o que foi a represión fascista porque aturaron con ela na súa mocidade. Algúns, ademáis, son familiares directos dos asasinados. En conclusión, está en xogo a liberdade de expresión e o mantemento “per secula seculorum” da impunidade dos agresores, asumida hoxendía polos seus descendentes.
A maiores, aqueles que se beneficiaron do franquismo, pretenden seguir facéndoo en retrospectiva. Entendo, pois, que isto sobarda a cuestión persoal, e debera ser tomado en conta xunto con outros “incidentes” similares que están a acontecer (no Grove e en Cambados, por exemplo), por todas aquelas persoas e entidades que vimos traballando na recuperación da memoria da represión franquista, e, se é posíbel, darlles unha resposta colectiva. Por algunhas informacións, me consta que a familia en cuestión tivo presións externas, non sei de quén, pero posibelmente de círculos da dereita, para presentar a demanda. Polo tanto, se temos en conta as ameazas que comezan a proliferar, podemos estar no comezo dunha estratexia para cortar as actividades de historiadores e colectivos debruzados nesta temática, aproveitando os innegables trazos conservadores (por utilizar unha expresión suave) do aparato xudicial: daqueles polvos da Transición, veñen estes lodos. Podedes facer uso desta información da maneira que creas máis convinte. Envíovos tamén un comunicado que fixo a directiva da asociación “Verbo Xido” por se queredes adheriros: trataríase de envialo rápidamente á prensa co maior apoio posíbel de colectivos e persoas. En calquera caso, nós estamos polo labor de facer algo conxuntamente.
Outra cousa:
O domingo 18 a partir das 12h ate as 17 h. a Asociación de Mulleres “Espadela” celebra no Pavillón de Deportes Municipal a VIIª Festa da Vincha. Pois ben, convidaron a “Verbo Xido” a que puxeramos un posto de libros de autores da bisbarra; daquela, aproveitando o convite, imos facer unha venda masiva do libro en cuestión. Como pode haber rexeites por parte dalgún elemento montaraz da potente dereita local, estamos facendo un chamamento aos amig@s e correlixionari@s a que nos fagan unha visita, tomen un viño, proben a vincha, e nos arroupen coa súa presenza e impidan que haxa ningunha saída de tono dos carcas. Así que xa sabedes, se vos animades a vir pola montaña….. E máis nada. A ver en que queda todo isto.
Saúde
Dionísio Pereira