A represión en Santiago

A longa noite
de pedra na cidade

Marcial Villamor foi vítima da represión franquista en Compostela, pero non a única. Ademais de xente especialmente significada polos seus cargos públicos, sindicais, ou políticos, foron moitas as persoas asasinadas, encarceradas ou reprimidas por ter manifestado unha posición ideolóxica contraria á dos sublevados.

En Compostela non houbo Guerra Civil entre 1936 e 1939. En cambio, tivo lugar un exterminio sistemático da poboación fiel á República. Un auténtico exterminio nunha zona onde a Guerra non durou máis dun par de días

O asasinato selectivo ou indiscriminado non foi a única vía de represión: desde encarcelamentos e torturas ata as rapas e purgas de mulleres que se perpetran con idéntica escenificación en toda Galicia.

Son diferentes os estudos e publicacións que poden axudar a ter un coñecemento máis amplo sobre o que significou a represión franquista en Santiago de Compostela. De seguido poderás atopar algúns deles

O proxecto interuniversitario “Nomes e Voces” creou unha ampla base de datos sobre as persoas represaliadas en Galicia durante e despois da Guerra Civil. Conta tamén cunha ferramenta de busca de información

A Cruzada en
Compostela

Quizais o estudo máis exhaustivo sobre esta cuestión é o de Luis Lamela García, “1936, la ‘Cruzada’en Compostela”, publicado en 2005 por Edicións do Castro. Nel, ademais de explicar como funcionaron as milicias paramilitares e quen as integraban, elabora un listado de falecidos pola represión franquista inscritos no Rexistro Civil de Santiago.

As últimas palabras dos condenados a morte

En xuño de 2009, Edicións Xerais publica “Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948)”, de Xesús Alonso Montero, libro no cal se recollen as últimas palabras de algúns dos composteláns asasinados.