A Fundación contra a Impunidade amplía a querela polo franquismo

A Fundación Galega contra a Impunidade Fernando Pereira, que se sumou á querela presentada en Arxentina para que os responsables do xenocidio franquista sexan xulgados, continúa recabando novos apoios. A entidade, que coordina o traballo de compilación de datos sobre represaliados en Galicia e xa aportou información duns 5.000 galegos axustizados entre 1936 e 1977, informou onte que conta cos poderes notariais dos familiares do destacado nacionalista Moncho Reboiras, asasinado en 1975, e de máis de 20 parentes de arxentinos fusilados en Galicia para sumar os seu casos á denuncia, iniciada polo galego Darío Rivas, cuxo pai, alcalde de Castro de Rei, foi paseado no 36.

O intelectual galego Isaac Díaz Pardo foi o último en sumarse á causa, xa que onte informou que outorgará un poder para que a fundación denuncie a morte do seu pai a mans dos franquistas. Díaz Pardo asegurou sentirse “moi agradecido” polo feito de que “xente máis nova, que non viviu tan de cerca o franquismo, estea a promover esta busca de xustiza, tan necesaria”, indicou.

A entidade, que onte celebrou unha asemblea extraordinaria en Vigo para adaptar os seus estatutos e converterse en fundación “de interese galego”, reiterou a súa intención “de seguir apoiando, con todos os medios técnicos e humanos, a querela admitida pola Cámara Federal de Bos Aires para investigar e xulgar os crimes dos franquistas, fundamentalmente no relativo aos de lesa humanidade cometidos en Galicia”. Entre os seus máis de 80 asociados atópanse personalidades como Manuel Rivas, Manuel Beiras, Méndez Ferrín, César Portela, Neira Vilas ou Pousa Antelo, entre outros.

“A intención é seguir artellando unha fronte común e recabar novos apoios”, explicou o avogado Gustavo García, que presentou os cargos definitivos da fundación. Mariví Villaverde, filla do deputado Elpidio Villaverde, ocupará a presidencia; Francisco Pillado, a vicepresidencia; Gustavo García, a secretaría e Asunción Vaamonde, a tesoureira. Ademais, Isaac Díaz Pardo foi nomeado presidente honorífico. Aquelas persoas que desexen afiliarse á fundación poden facelo como socios ou membros do padroado. Os interesados poden obter máis información en www.fundacioncontraimpunidade.com ou na sede galega da entidade, no número 14 da rúa Marqués de Valladares, en Vigo.

No tocante á querela, Gustavo García indicou que os letrados da entidade, aos que recentemente se sumou o avogado Martín Prieto, están traballando para ampliar as responsabilidades que se puideran esixir aos autores dos crimes franquistas. “Da mesma forma que non prescriben os dereitos de lesa humanidade, estamos traballando conxuntamente con Carlos Slepoy en Arxentina para que o franquismo responda polo espolio económico ao que foron sometidas moitas das vítimas”, indicou.

Tras a recente aceptación pola Cámara Federal de Apelacións arxentina da competencia para axuizar a existencia do “plan sistemático” para a “eliminación física entre 1936 e 1977” dos opositores ao franquismo, o Goberno español debe responder a un exhorto diplomático que pide que se investiguen eses feitos.