Intervención na rúa

 

Non é iste momento acaído para estendérmonos nos múltiples avatares da vida de Marcial Villamor Varela, a persoa á que de maneira xusticeira se lle vai dedicar dende hoxe o nome desta Praza do Olvido. Para iso, nada mellor que acceder á espléndida páxina web que para transmitir a súa lembranza, construíu con amor, compromiso e lealdade a súa familia, encabezada polo seu neto Manuel e o seu bisneto Marcial. Agora, abonda con dicir que Marcial Villamor foi  un destacado e influínte sindicalista da CNT compostelá, primeiro, e do Partido Sindicalista de Pestaña, despois; foi un traballador manual ebanista de profesión con obradoiro aberto na rúa da Ensinanza; e foi tamén un home humilde e autodidacta, amante con maiúsculas da cultura como vieiro liberador, propietario dunha biblioteca que producía envexa, mesmo a conveciños tan ilustrados como os médicos Ulpiano Villanueva e José Puente Castro, ou aos seus amigos Arturo Cuadrado e Luis Seoane. Destes últimos, tenos chegado unha anécdota que define ben o talante xeneroso e libertario de Marcial, ao tempo que o ambiente ilusionado e iconoclasta daquela República na que tantas esperanzas tiñan depositado os desposuídos:

 

Hai moitos anos, cóntanos Seoane, existía na rúa Caldeirería de Santiago a Librería e editorial "Niké", propiedade de dous homes, mozos daquela, os escritores Xoán Xesús González e Arturo Cuadrado. Na parte de adiante onde se atendía ao público vendíanse os libros ao prezo que ese público, composto en xeral por estudiantes, decidía que valían. Cando o que mercaba o libro, logo de lelo xulgaba que tiña pagado pouco por el polo interese que lle despertara, completaba o prezo entregando unha nova cantidade. Intentábase facer polos dous propietarios da librería unha pequena revolución comercial...".


O propio Cuadrado lembra con emoción unha de tantas anécdotas de Niké: "Tíñamos en Santiago a librería Niké na que os clientes pagaban polos libros o que lles parecía que valían. O célebre anarquista Marcial Villamor pagou dez céntimos por un de Ortega e pasou ao día seguinte a pagar outros dez porque lle entusiasmara. Cando llo contei a Ortega, quixo coñecelo, e o gran intelectual foi á casa do carpinteiro, que sería paseado no 36".

 

Marcial Villamor, formou parte a carón de sindicalistas tan coñecidos como José Villaverde, nacido no Pexego de Abaixo, Manuel Fandiño, procedente da desaparecida barriada de Guadalupe, Ezequiel Rey, natural das Casasnovas, ou dos irmáns Maroño, aveciñados en Basquiños, da terceira xeración de militantes obreiros que, continuando o esforzado labor dos seus devanceiros, foron capaces de consolidar na escurantista e levítica Compostela de entreséculos, un potente movemento operario composto por sociedades de resistencia de oficio, ás que se debe a progresiva dignificación dunhas condicións de traballo que, cando remata o século XIX, estaban máis que próximas á escravitude no conxunto dos obradoiros artesanais e nos tallos do ramo da construción, daquela espiritual Compostela da desigualdade.

 

Membro dunha xeración anterior e mestre societario dos devanditos, José Pasín, orixinario do barrio de Santa Marta e, alá por 1912 primeiro concelleiro proletario da Corporación santiaguesa, constatou que cando el comezou traballar no taller de ebanistería de Landeira no ano 1892, a xornada laboral era de 14 horas e describiu nas súas Memorias estes obradoiros como “....verdaderos antros de explotación e martirio”, onde “había que entrar ao traballo ao alborexar, en xornada até a noite; comer dereito ao pé do banco de traballo, e os aprendices tiñan que ir tamén o domingo a facer limpeza no taller. Os pais vían aos seus queridos fillos, con día, só os festivos. Unha verdadeira escravitude….Había patróns que pegaban aos obreiros e, nin hai que dicir, os paus que estes recibían pagábanos os aprendices....”.

 

Anos andados e mercé á teima societaria, a xornada laboral foise reducindo a 10 horas no ano 1902, a 9 horas un lustro máis tarde e, ao cabo, ás 8 horas arredor de 1912.

 

Pero Marcial Villamor era, amais de sindicalista, un home bo, que nunca fixo dano a ninguén e, non obstante, foi sacrificado o 28 de setembro de 1937 nunha gabia de Guntín pola “ira azul escuro” desatada polos partidarios do golpe militar a partir do 18 de xullo de 1936, mentres a súa biblioteca era confiscada e queimada polos falanxistas a poucos pasos de eiquí. E algo semellante aconteceu con José Villaverde, con Manuel e José Maroño, con Luis Rastrollo, con Marcelino e Modesto Pasín, con Fernando Barcia, con Cándido Sánchez, con Xoán Xesús González, e con tantos outros militantes obreiros composteláns de nacemento ou de adopción, a quen tanto se lles debe pola súa loita contra o abuso e o privilexio dos todopoderosos e pola súa teima a prol dun ideal de xustiza, de liberdade, de igualdade, que aínda hoxe segue a estar vixente.

 

A dor insoportable, acrescentada cando poucos meses despois falecía en accidente laboral o fillo primoxénito que tamén recibira o nome do pai, explica que Josefina Castiñeiras, viúva de Marcial Villamor, rexeitase que ninguén máis da familia tomara aquel nome. E, unha vez transcorridos moitos anos do asasinato do seu marido, tan só aprobou que se lle puxera a un seu bisneto, cando a familia, en votación democrática, así o decidiu.

 

Pois ben, agora, así mesmo por votación democrática, e coa única excepción daqueles que sen vergonza ningunha aínda teiman en reivindicar a “memoria dos vencedores” asulagando a dor e o sacrificio da Humanidade vencida, a aplastante maioría dos representantes da veciñanza compostelá na Corporación Municipal decidiron, en resolución que lles honra, que a Praza do Olvido, transmutada a partir de hoxe en lembranza agradecida, se denomine “Praza de Marcial Villamor Varela” en homenaxe a todos aqueles militantes obreiros represaliados e aos valores liberadores que sustentaron.

 

Así, sen facer moito ruído e acompañando á efixie das “Marías” na Alameda, e aos rótulos que noutras zonas da cidade lembran a José Pasín ou a Xoán Xesús González, resulta que na figura de Marcial Villamor os vencidos e humillados; os esquecidos e todos aqueles e aquelas que teñen a honra ser “del montón” como proclamara un enrabexado Pasín hai máis de noventa anos, están dignificados e arroupados polo sentir popular na levítica Compostela, na “Xerusalem” de Occidente.

 

Só por isto, pagou a pena chegar ata eiquí.

 

Para todas elas, para todos eles, un librepensamento.