Conferencia:

 

Marcial Villamor e José Villaverde, aqueles sindicalistas do Olvido e o Pexego

 

Non descubrimos nada novo se dicimos que, na cidade do Apóstolo, a denominada noutrora a “Jerusalem de Occidente”, a vida xiraba en torno á Igrexa Católica. A propia composición social da localidade, deixaba ben claro o seu carácter levítico: a fins do século XVIII, o 18% da veciñanza tiña a condición de crego, frade, monxa ou cóengo; en Galicia, non obstante, a porcentaxe de relixiosos non superaba o 1% da poboación. Ademais, en 1884 había en Santiago 49 igrexas, nas que se celebraron 85 novenas solemnes, 508 funcións e 68000 misas durante aquel ano.

 

    Socialmente, Compostela era a capital da renda na Galicia de anteguerra, caracterizada pola devandita e atafegante presenza do elemento clerical, por unha oligarquía rendista saudosa da vella fidalguía, pola burocracia universitaria e por un sector de comerciantes maioristas, que dominaban o ambiente social. Conformaban, pois, as catro cidades que, segundo Manuel Murguía, convivían dentro do que o elemento liberal doutras zonas de Galicia (maiormente Coruña ou Pontevedra) chamou “pentápolis apestada”: a clerical, a fidalga, a universitaria, e a comercial. A Quinta cidade, ou sexa o elemento artesán, proletario e pequeno burgués, representados politicamente polo liberalismo democrático e o republicanismo ( e moi minoritariamente polos partidos obreiros), loitou históricamente por facerse un recuncho entre o resto das “cidades” composteláns que, secularmente, tentaron excluíla.

 

   Compostela era, pois cando chega a IIª República no 14 de Abril de 1931, unha cidade comercial e de servizos, con tan só dúas industrias que se achegaban a 100 traballadores: a “Sociedad de Gas y Electricidad” e a “Fundición de Juan Franco”. De feito, só tres chemineas facíanlle competencia as torres da Catedral: as dúas devanditas e a daquela modernísima “Tintorería España”. Ademáis estaba o sector da construción, dependente dos investimentos do Estado e do Concello; o resto eran pequenos obradoiros artesanais reducto dos antigos “gremios”: ebanistas e prateiros, canteiros e xastres, zapateiros de “ópera prima” e chiculateiros, ferreiros e sombreireiros, barbeiros e pintores, etc., que atendían os principais clientes da “Jerusalem de Occidente”, que non eran outros que o clero e a oligarquía. Había tamén, ademáis da industria dos curtimes xa en devalo, un sector servizos diversificado (Ensino, Sanidade, Banca, Comercio, Hostelería...) no que destacaba, debido á súa situación xeográfica privilexiada, o transporte por estrada (o “Castromil”, daquela principal empresa de transportes de Galicia) e ferroviario, debido á construcción do camiño de ferro Ourense-Coruña, no que estaban debruzados numerosos xornaleiros/labregos das parroquias da contorna.

   En total, na cidade estaban censados en torno a 3.000 obreiros e artesáns, un colectivo minoritario na cidade (o 10% da poboación, aproximadamente), que arrastraba de xeito estructural un alto índice de paro (500 obreiros en 1933) debido á falla de empregos fora da construción. E non debemos esquecer que, malia non existir proletariado feminino como tal (agás nas fábricas de curtimes), o traballo da muller era notorio nas angueiras domésticas das moi numerosas costureiras e modistas; na laboura itinerante das augadoras e das leiteiras da Amaía; no faenar cantareiro de lavandeiras e muiñeiras na Ribeira de San Lourenzo…. Por último, tampouco debemos esquecernos dos numerosos xornaleiros dos arredores que alternaban as faenas do ramo da edificación coas do agro, que penetraba a ollos vistas no casco urbano. O proletariado industrial era, para concluír, practicamente inexistente neste panorama.

 

   A cabalo entre os séculos XIX e XX, a xente de traballo aturaba unhas condicións laborais e vitais ben duras na espiritual Compostela. Nos talleres rexidos por normas corporativas, os oficiais e aprendices estaban sometidos a unha brutal explotación por parte do mestre artesán. Un dos máis apaixonados representantes desta quinta cidade, o ebanista José Pasín, orixinario do barrio de Santa Marta, describe estes obradoiros como “....verdaderos antros de explotación e martirio”, onde “había que entrar ao traballo ao alborexar, en xornada até a noite; comer dereito ao pé do banco de traballo, e os aprendices tiñan que ir tamén o domingo a facer limpeza no taller. Os pais vían aos seus queridos fillos, con día, só os festivos. Unha verdadeira escravitude….Había patróns que pegaban aos obreiros e, nin hai que dicir, os paus que estes recibían pagábanos os aprendices....”. E tampouco melloraba moito a cousa noutros centros de traballo, caso do Manicomio de Conxo que dependía da Igrexa; alí, segundo as noticias da prensa compostelá, os empregados mesmo tiveron que presionar ao director para “que se les designe local para comer, pues en el que lo están haciendo por disposición del Administrador es el designado a depósito de cadáveres, y no es la primera vez que dejan de comer, por no hacerlo ante un cadáver”.

   Cando Pasín se converteu en asalariado en 1892, a xornada nos obradoiros de carpintería viña sendo de 14 horas. Así mesmo, sabemos que na derradeira década do século XIX, o horario laboral comezaba no verán ás 5 horas e ás 7 se era no inverno, rematando na boca da noite. O descanso dominical tampouco existía, debido ao “privilexio” que tiña a cidade de celebrar feira en domingo e, por conseguinte, abrir todo o comercio e os pequenos establecementos artesanais. Ás longas xeiras, engadíanse as ruíns condicións de traballo e os xornais de fame que, segundo estatísticas oficiais dabondo optimistas, a penas superaban as 2 pesetas para os oficiais e 1,50 para os braceiros agrícolas. Outros testemuños ben achegados ao día a día, certificaban que a realidade era aínda máis difícil de levar: no tempo de apañar a herba seca, a comezos do verán, o correspondente do periódico pontevedrés “Unión Republicana” alertaba que, en ”estos días se ve una multitud de aldeanos jóvenes desarrapados, que vienen a buscar un jornal  en los trabajos del campo. Pues bien, anteayer solo les ofrecían a los pobres labradores el jornal de 40 cts. al día. Es decir, por trabajar desde el amanecer hasta la noche”.

   Carecíase tamén, por aquel entón, dun mínimo de seguridade nas tarefas e mesmo de axudas en caso de accidentes, doenzas ou no intre da vellez. Naquel mesmo ano de 1892, unha comisión de obreiros encargada de constituír unha Caixa de Retiros, enfocaba a cuestión antedita dun xeito ben descarnado:

 

”¿Cuál es el fin que al término de nuestro tránsito por esta vida, sembrado de sudores y amarguras, conseguimos?. Las tristezas de la senectud cuyo término cierto es la muerte, la humillante mendicidad por todo socorro antes del término fatal, el escarnio y la vejación permanente por todo alivio, el hospital insano por toda protección, y en la generalidad de los casos las promiscuidades en la fosa común como digno remate de una existencia consagrada a la producción de toda clase de riquezas”.

 

   Como consecuencia, a existencia nos barrios obreiros era, decote, miserenta: vivíase en choupanas nos arrabaldos, sen hixiene nin instrución. E moitos mozos achantaban, a maiores, cun mínimo de catro anos de enganche obrigatorio para “servir ao Rei” en Cuba, Filipinas ou Marrocos, período que podía ampliarse a oito anos no caso de crises bélicas. Tal é a embrutecedora paisaxe social que Pasín vainos desenguedellando nas súas lembranzas, visión plenamente coincidente coa aportada pola “Memoria de la Junta Local de Sanidad” que, en 1894, enfocaba sen arrodeos a condición obreira da cidade:

 

”La alimentación de esas clases está reducida a pan de maiz o centeno y un cocimiento de verduras y patatas con un poco de grasa o tocino, probando rara vez la carne.....Las viviendas son reducidas y poco aseadas, habitando con frecuencia en amigable consorcio los animales domésticos y las personas; no disponiendo en bastantes casos mas que de una cama para seis o siete personas, y resultando además hacinadas las viviendas como sucede en la Rúa de San Pedro y calles inmediatas”.

 

Sobre esta condición das vivendas podo dar fe que a comezos dos anos 70, no Pexego aínda deixaban moito que desexar, pois vivín durante todo un curso no Pexego de Abaixo, e aínda lembro as malas condicións de humidade e amoreamento que, aínda daquela, alí existían.

 

   Contra esta situación miserable das capas traballadoras e dos barrios populares, xermolou, no derradeiro tercio do século XIX, toda unha xeira de militantes obreiros de ideario republicano, socialista e anarquista, que, pouco a pouco e pasando todo tipo de traballos e penalidades, foi construíndo sociedades de resistencia (as primeiras, as de Carpinteiros e Canteiros en 1894), co obxectivo de mellorar a ruín condición dos traballadores. Unas sociedades de resistencia que, á par de turrar polas melloras laborais, aconsellaban aos socios a capacitación profesional mediante a concorrencia á “Escuela de Artes y Oficios”, a entrega dun certificado da mesma no intre de incorporación ao traballo e a matrícula nas escolas de adultos para aqueles que fosen analfabetos. Desta maneira, aquelas 14 horas escravas nos obradoiros de fin do século XIX, foron de vagar rebaixadas mercé á teima societaria a 10 no ano 1902, a 9 un lustro máis tarde e, ao cabo, ás 8 horas arredor de 1912. Foise conformando así, un movemento operario que foi quen de acadar nese mesmo ano que, por vez primeira na historia compostelá, a “quinta cidade” estivera representada no Concello coa presenza na Corporación do ebanista republicano federal José Pasín, primeiro operario que ostentou o cargo de concelleiro. Un obreirismo organizado que, tamén, foi capaz de provocar no ano 1917 a demisión do Alcalde Blanco Rivero, tras a indignación popular desatada polo asasinato dun dirixente agrario a mans dun axente de seguridade e que deu lugar a un paro xeral de 9 días. Deste xeito e de maneira sorprendente, debido ao ambiente social pouco favorable, xa a partir dos anos 20 e tamén durante a República, un de cada dous asalariados estaban incorporados ás sociedades obreiras de oficio, que se reunían nunha Federación Local, integrada naquel tempo republicano na CNT.

 

   José Villaverde e Marcial Villamor, nacidos en 1894 e 1899, respectivamente, formaron parte da terceira xeración destes militantes obreiros, a quen tanto deben os composteláns de hoxendía pola súa loita contra os abusos e os privilexios dos todopoderosos: da primeira, lembraremos ao tipógrafo Eusebio Alonso, aos carpinteiros José Lareo e Constante Nogueira e aos canteiros Nicolás Pardo Cernadas e José Silva Cobas; da segunda, aos ebanistas José Pasín e Luis Plaza, ao carpinteiro José Mareque (deputado en Cortes na IIª República) ou ao canteiro Gabriel Nogueira. E da terceira ao tallista Manuel Fandiño Ricart, aos carpinteiros Ezequiel Rey e Domingo Pardo Corredoira, todos eles destacados cenetistas, aos irmáns Maroño, socialistas, e ao canteiro José Silva Martínez, membro do Comité Central do PCE en plena Guerra Civil.

 

José Villaverde e Marcial Villamor, tiveron moito en común, fora da delongada residencia das súas familias no Pexego de Abaixo nº 6 (Nieves Villaverde morre en 2009, acabando con máis de un século de veciñanza da familia) e no Olvido 18 (a familia de Marcial Villamor segue a vivir moi perto, no Castrón D´Ouro) e da súa propia amizade persoal:

* Naceron en familias moi humildes, moi relixiosas e a penas tiveron escola: foron autodidactas, descreídos, grandes lectores, partidarios de construción dun home novo mediante a loita social, a cultura e o exemplo ético persoal, admitidos nas tertulias cultas de Compostela (no Derby, no Español, no Asesino) e que gozaron da estima de persoeiros moi coñecidos como os drs. Ulpiano Villanueva, Baltar o Puente Castro, Arturo Cuadrado, Luis Seoane, Xoán Xesús González, etc.. De Villaverde, que xa de pequeno fora expulsado da escola por saber de máis, se dicía que ía á Catedral a escoitar os oradores eclesiásticos e daí saíra o grande tribuno que foi. De Villamor, gran lector, posuidor dunha das mellores bibliotecas da cidade, fundador a maiores do Ateneo Libertario sito na Algalia de Arriba e da Biblioteca Circulante Comunista-Libertaria, aínda se lembra en Compostela a anécdota relacionada coa librería “Niké”, rexentada por Xoán Xesús González e Arturo Cuadrado:

 

Hai moitos anos, cóntanos Seoane, existía na rúa Caldeirería de Santiago a Librería e editorial "Niké", propiedade de dous homes, mozos daquela, os escritores Xoán Xesús González e Arturo Cuadrado. Na parte de adiante onde se atendía ao público vendíanse os libros ao prezo que ese público, composto en xeral por estudiantes, decidía que valían. Cando o que mercaba o libro, logo de lelo xulgaba que tiña pagado pouco por el polo interese que lle despertara, completaba o prezo entregando unha nova cantidade. Intentábase facer polos dous propietarios da librería unha pequena revolución comercial...".
O propio Cuadrado lembra con emoción unha de tantas anécdotas de Niké: "Tíñamos en Santiago a librería Niké na que os clientes pagaban polos libros o que lles parecía que valían. O célebre anarquista Marcial Villamor pagou dez céntimos por un de Ortega e pasou ao día seguinte a pagar outros dez porque lle entusiasmara. Cando llo contei a Ortega, quixo coñecelo, e o gran intelectual foi á casa do carpinteiro, que sería paseado no 36".

 

Tamén pola casa do Pexego pasaron políticos da talla de Ángel Pestaña ou Casares Quiroga, a quen José Villaverde presentou á súa nai, “Mamá Pepiña”, moi coñecida no mercado de Santiago, onde gañaba a vida vendendo cuncas de caldo.

 

* Os dous tiveron como profesión a de carpinteiro ou ebanista: Villaverde aprendido no taller de Landeira nas rúas, xunto con Pasín ou Ezequiel Rey; Marcial con ebanistería propia, aquí perto, na Ensinanza. E tamén formaron parte da veterana “Sociedad de Carpinteiros”, a nai das sociedades obreiras compostelás, que Villaverde presidiu en 1915, cando só tiña 21 anos e da que Marcial foi un militante destacado dende os anos 20 e durante toda a República.

 

* Tanto Marcial Villamor como José Villaverde xogaron un papel moi importante no obreirismo galego, ambos integrados na “Confederación Regional Galaica” da CNT: Villaverde chegaría ao secretariado da mesma entre 1931 e 1933 e dirixiría na Coruña o seu voceiro “Solidaridad Obrera”; Marcial Villamor, sería un dos cadros máis coñecidos e influíntes da Federación Local da CNT compostelá e mesmo da CRG, á que representou nalgún Pleno a nivel estatal. E ambos mantiveron unha posición favorable a un anarcosindicalismo construtivo, contrario á violencia cega, proclive ás Alianzas Obreiras coa UGT e os sindicatos influídos polo PCE; un sindicalismo aberto ás forzas da cultura e no que tiveran cabida o humanismo e a sensibilidade. Velaí unha frase coa que Pepe Villaverde, gran orador, comezou no malfadado ano de 1936 unha charla no Centro de Estudios “Germinal” da Coruña:

 

“Se vive en Comunismo si se ama

Y en proporción a cuanto se ame”

 

E, ao cabo, os dous sentíronse próximos, Marcial en maior medida, a unha proposta sindical complementada cunha presenza partidaria no Parlamento: o Partido Sindicalista fundado por Pestaña, que Villamor encabezou en Compostela e co que Villaverde colaborou na Coruña.

 

* Tamén no golpe militar de 1936, as súas traxectorias foron paralelas. Marcial debeu fuxir logo de que a súa casa do Olvido fose asaltada polos falanxistas nada máis triunfar o movemento o 20 de xullo e a súa querida biblioteca confiscada e queimada a rentes da praza que, a partir de hoxe, levará o seu nome. Naquel intre, dóulle acougo “Mamá Pepiña”, no seu humilde domicilio do Pexego de Abaixo nº6; aos poucos, diante do perigo inminente que representaba a súa estancia alí, a propia nai de Villaverde acompañóuno polo Calexón das Trompas cara outro agocho na zona de San Lázaro. Os dous, José e Marcial, faleceron do mesmo modo, vítimas da “ira azul escuro”, cun ano de diferencia: Villaverde apareceu asasinado na praia de Sabón, nas aforas de Coruña, o 25/9/1936 e Marcial con dous tiros no corpo no Rego dos Vidalos, perto de Guntín (Lugo) o 28/9/1937. Os dous foran homes bos que non fixeran mal a ninguén e só procuraron uns ideais de xustiza, de liberdade e de igualdade para os seus conveciños, para os seus compañeiros e compañeiras da clase traballadora e para a Humanidade enteira. Por iso os mataron e por iso hoxe rendímoslle este homenaxe tan cheo de sentido nos tempos revoltos, de insoportable inxustiza e desigualdade, que nos tocou vivir.

 

DIONISIO PEREIRA